As praias de “O Muíño” e “Area Grande” da Guarda volven ser distinguidas coa Bandeira Azul
Ao igual que ocorreu nos últimos seis anos, as principais praias do Concello da Guarda, “O Muíño” e “Area Grande”, voltaron ser recoñecidas un ano máis coa distinción internacional de Bandeira Azul.
Ao igual que ocorreu nos últimos seis anos, as principais praias do Concello da Guarda, “O Muíño” e “Area Grande”, voltaron ser recoñecidas un ano máis coa distinción internacional de Bandeira Azul.
Na rolda de prensa que tivo lugar está mañá a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC), e a rama española da Federación europea de Educación Ambiental (FEE) deron a coñecer o listado de todas as bandeiras azuis concedidas este ano ás praias do territorio español para a tempada de verán que está a piques de comezar.
A bandeira azul é un distintivo ambiental creado en 1987 e outorgado anualmente que promove e premia aqueles areais que destacan en catro áreas: calidade das augas de baño, Información e educación ambiental, xestión ambiental e seguridade, servizos e instalacións.
Dende que fora recoñecida co distintivo de bandeira azul por primeira vez no ano 2009, a praia de “Area Grande” leva sete temporadas consecutivas renovándoo. No caso da praia de “O Muíño”, a máis grande e recoñecida da Guarda, son seis anos, dende o 2010, os que levan acadando de maneira consecutiva o diferenciador de Bandeira Azul.
Ambas praias, tras presentar o Concello da Guarda a documentación necesaria para a candidatura, foron avaliadas por un tribunal nacional e un internacional que verificaron que contaban cos estándares de calidade requeridos, sendo anunciado hoxe o veredicto final.
Neste acto tamén se fixo público o listado de Sendeiros Azuis e novamente A Guarda contará co Sendeiro Azul, de 5,6 quilómetros, que une ambas praias de Bandeira Azul.
Dende o Concello da Guarda quérese destacar que a consecución destes distintivos é o resultado do esforzo colectivo na mellora da calidade dos nosos areais.