ALFOMBRAS FLORAIS A GUARDA – 2015
Decenas de mulleres, algún home, e tamén mozos e mozas, levan traballando máis dun mes para conseguir lucir unhas fermosas alfombras de flores nas rúas da Guarda durante a festa do Santísimo, que se celebra este fin de semana.
Garaxes, salóns das casa ou locais comerciais baleiros, todo serve como espazo onde escoller e agrupar todas as follas e flores que se precisan para decorar metros e metros de rúa.
Desde moi cedo pola mañá nalgúns casos, dende as tres da tarde noutros, e tamén pola noite, xúntanse nos locais multitude de mulleres para ir escollendo as follas e flores que precisan para crear os seus debuxos. “Nós estamos tanto pola mañá como pola noite, o único que facemos é unha parada ben corta para comer. Necesitamos o tempo xa que a festa é dentro de pouco”, afirma unha das mulleres que traballa nun local instalado na rúa Ignacio Sobrino.
Pola súa banda, outro grupo situado na mesma rúa conta que elas só traballan pola tarde pero que teñen moitas mans a axudar. “Nos temos dous sitios onde nos xuntamos e podemos chegar a ser unhas trinta mulleres. O noso horario vai dende as tres da tarde ata máis ou menos as nove”, conta unha delas mentres desfai as follas verdes. Nesta agrupación contan ademais cunhas mans moi especiais, as de Ignacia Cadilla, a muller máis lonxeva da localidade que, ós seus 105 anos, aínda axuda a facer as alfombras para a festa. “De cabeza está perfecta e lle gusta participar”, conta a súa filla.
A maior parte dos grupos levan máis de trinta anos participando nas alfombras. “Temos fotografías de moitos anos, a verdade é que temos feito alfombras moi bonitas”, conta unha das mulleres que traballa para formar parte do debuxo que cubrirá a rúa Concepción Arenal, mentres mostra algunha desas instantáneas. “Nós a primeira alfombra a fixemos no ano 80, mira que xa pasou tempo… levamos traballados moitos anos”, conta outra das señoras que traballa para conseguir unha bonita alfombra na céntrica Praza do Reló.
Aínda que é moito traballo e moito tempo, as mulleres intentan que as horas pasen de unha forma entretida. “A verdade é que nós o pasamos ben. Falamos, contámonos cousas… e de paso traballamos”, afirman no local situado na rúa Enrique María Sesto.
En todos os espazos o que comparten é o mesmo medo: o relevo xeracional. “A verdade é que non sei se cando nós xa non esteamos isto se fará… agora o que temos que dar é as gracias os mozos e as mozas que nos axudan a colocar as flores no chan, porque nós iso xa non podemos”, conta unha muller que traballa para adornar unha das rúas da Guarda.
Mentres se achega a data da festa -as alfombras confecciónanse na noite do sábado día 6 ó domingo 7- as caixas acumúlanse nos baixos e as mulleres continúan coas súas tarefas.