Este venres arrancan as Barferencias de Inverno 2018 na Guarda
Un ano máis chegan as barferencias ós nosos bares. É este un formato que acadou grande éxito nas súas edicións anteriores, xa que permite debater e profundizar sobre diversos temas nun ambiente íntimo e distendido. Nesta nova edición volven a primar os temas históricos e arqueolóxicos, que tanto interese espertan sempre entre a nosa poboación, destacando as charlas que nos achegan os resultados das últimas intervencións arqueolóxicas nas salinas do Seixal e no Monte Santa Trega.
O ciclo de charlas iniciarase neste mes de novembro, cunha charla adicada á igualdade de xénero, que terá lugar este venres día 23 de novembro e será impartida por Montse Fajardo, periodista especializada en temas de igualdade e memoria histórica, que nos falará nesta ocasión do seu libro Invisibles. Será no Bar Benedictus ás 20:30h.
A segunda charla terá lugar no mes de decembro sobre as Salinas do Seixal recentemente excavadas contando coa presenza de Brais Currás.
Xa no mes de xaneiro, realizaráse unha nova barferencia sobre os últimos traballos de restauración e posta en valor no barrio de Mergelina, no Monte Santa Trega, onde se contará coa presenza de Luís Francisco López González.
Outros temas previstos para continuar o ciclo serán a historia da Fábrica das Cachadas e a dominación portuguesa no Castelo de Santa Cruz, citas que terán lugar en Febreiro e Marzo.
Dende a Concellería de Cultura convídase a toda a cidadanía a participar nestas actividades que espertan o interese dos asistentes e que cada ano congregan a máis público.
Tag:A Guarda, Barferencias, cultura, inverno