Exposición –As achegas das Mulleres á sustentabilidade do mar- na Guarda
O Sábado 30 de xuño ás 12:00h o Museo do Mar da Guarda acolle a inauguración da Exposición “As achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” que, baixo o proxecto “Sustentabilidade en feminino”, busca amosar as achegas das mulleres ao desenvolvemento sustentable e á conservación dos nosos mares.
Mariscadoras, redeiras, traballadoras da salga e da conserva, investigadoras mariñas e en educación, de hoxe e do pasado tiveron, teñen e terán un papel determinante no uso dos recursos mariños dun xeito responsable que garanta o seu futuro.
A través de vídeos, imaxes , entrevistas e documentación recollida por toda a xeografía galega, este proxecto no que participan a Deputación Provincial de Pontevedra, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o Campus de Excelencia Internacional – Campus do Mar, coa colaboración do Museo Massó, dá voz ás mulleres que teñen o mar como medio de vida para que aporten a súa visión sobre a importancia e os beneficios da conservación dos océanos sustentables.
A exposición estará na Guarda do 30 de xuño ata o 31 de xullo no Museo do Mar(Porto da Guarda) en horario 11:00h a 14:00h e de 18:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos.
Tag:A Guarda, Exposición, igualdade, mar, Mulleres