Increméntase notablemente o número de peregrinos que realizan o Camiño Portugués da Costa
O Camiño Portugués da Costa non deixa de crecer en número de peregrinos e, como ven sendo habitual xa nas rúas da vila, a estampa dos peregrinos percorrendo o pobo e os seus lugares emblemáticos, constitúe xa unha imaxe máis do día a día da Guarda e a súa contorna. Moitos destes peregrinos realizan o seu traxecto en grupos, outros sós, a pé, en bicicleta ou mesmo en burro. Adoitan continuar o seu camiño cara O Rosal e Oia tras cruzar o río Miño, namentres outros escollen o albergue guardés ou algúns dos establecementos hoteleiros da vila para pasar a noite.
Os datos rexistrados na Guarda dan conta deste incremento no primeiro semestre de 2018. Durante o pasado ano 2017, un total de 2.439 peregrinos pasaron a noite no albergue guardés, o que supón unha suba do 40% con respecto a 2016, e o triplo se o comparamos co ano 2015.
No que vai de 2018, dende Xaneiro ata Xullo, xa pasaron polo albergue da Guarda máis de 1500 peregrinos, o que supón un incremento dun 30% con respecto á media anual do ano 2017.
En canto ao punto de inicio do Camiño, 753 peregrinos saíron de Porto, 110 de Lisboa e 43 elixiron A Guarda para iniciar o seu Camiño con destino a Santiago de Compostela, outros tomaron coma puntos de saída diferentes vilas e cidades da xeografía ibérica.
En canto a súa procedencia, a meirande parte dos visitantes chegan dende o estranxeiro. Destacan este ano os peregrinos procedentes de Italia, 139, seguidos polos de nacionalidade portuguesa 125, alemá con 121 ou polaca con 106.
Tamén destacan as nacionalidades de peregrinos visitantes procedentes de países tan afastados como República Checa, Rusia, Taiwan, Venezuela ou Australia.
O Camiño Portugués da Costa, recentemente recoñecido coma camiño oficial pola Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, está en auxe, debido, entre outros factores, á singularidade do seu trazado, as fermosas paisaxes oceánicas e a que moitos peregrinos que xa fixeron o resto de Camiños, elixen este para as súas novas peregrinaxes cara a Compostela.
O Concello da Guarda segue a mellorar o servizo aos peregrinos coa incorporación de novas sinalizacións oficiais, arranxos en tramos do Camiño, oferta de aloxamento a través do Albergue Municipal ou a instalación dunha escultura alusiva aos peregrinos, que se instalará no Camiño na zona de Cachiños. O Albergue Municipal atópase na Rúa Puerto Rico, aberto en horario de16:00h a 21:00h e os peregrinos que o precisen poden chamar aos teléfonos 986 610 025 e 696 986 515.