
O Centro Cultural da Guarda acolle o xoves 22 de xullo no marco do Festival Via Stellae, que organiza a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, un concerto do trío de tompa, clarinete e piano formado por Jorge Rentería, Beatriz López e Javier Gutierrez. O concerto, que comezará ás 22:00, conta coa colaboración do Concello da Guarda e está enmarcado nas actividades organizadas polo Via Stellae no Camiño Portugués pola Costa, unha ruta que inclúe por primeira vez na súa programación e que ofrece concertos en Vigo, Baiona e A Guarda.
“Fantasía para clarinete, trompa e piano” é o título deste concerto no que se xunta un infrecuente tipo de agrupación de cámara moi suxestivo pola ampla gama de cores instrumentais que achegan que achega esta combinación de instrumentos de vento (clarinete e trompa) e de tecla (piano). O variado programa reflexa o persoal xeito de expresión musical dos tres compositores seleccionados para este concerto. Comezando polos dous autores da segunda metade do século XIX (o bávaro Franz Strauss e o alemá Carl Reinecke) e continuando con ese gran xenio da dirección orquestral falecido hai agora 20 anos, o norteamericano Leonard Bernstein. As obras seleccionads son unhas Variacións para trompa e piano de Strauss, a Sonata para clarinete e piano de Bernstein e o Trío para clarinete, trompa e piano de Reinecke.
Os músicos deste concerto teñen en común a súa diversa procedencia e ser residentes en Galicia, a súa calidade e a súa sensibilidade e interese pola música de cámara. O trompista bilbaino Jorge Rentería formouse na Royal Academy de Londres, é un colaborador habitual das máis importantes orquestras barrocas europeas (Les Musiciens du Louvre, Les Talens Lyriques, King’s Consort, Wiener Akademie, Freiburger Barockorchester e un longo etcétera) e é tamén mestre de trompa natural na Escola Superior de Música de Euskadi e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. A clarinetista castellonense Beatriz López perfeccionou os seus estudos no Mozarteum de Salzburgo e ademáis dunha ampla actividade como músico de cámara é dende hai dous anos clarinete solista da orquestra compostelá Real Filharmonía de Galicia e profesora na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Nado en Washington de pais chilenos, o pianista Javier Gutierrez gañou diversos concursos internacionais de piano en Chile, Venezuela e España e, ademais da súa intensa actividade como recitalista de piano, é profesro na Escola Superior de Música Raíña Sofía e catedrático no Conservatorio Superior de Zaragoza.
Como en todos os concertos do Festival Via Stellae nas diferentes localidades dos Camiños de Santiago a entrada é libre ata completar o aforo do local.
Festival Via Stellae
V Festival de Compostela e os seus Camiños
Organizan:
S.A. de Xestión do Plan Xacobeo (Consellería de Cultura e Turismo)
Concello da Guarda
Camiño Portugués pola Costa
Xoves 22 xullo
A GUARDA
Centro Cultural
22:00
JORGE RENTERÍA trompa
BEATRIZ LÓPEZ clarinete
JAVIER GUTIÉRREZ piano
Fantasía para clarinete, trompa e piano
obras de Strauss, Bernstein, Reinecke
Catro edicións de grande éxito, cun entusiasta recoñecemento da prensa especializada e o respaldo do público, preceden esta quinta edición do Festival Via Stellae, a deste especial ano Xacobeo 2010. O centro do festival é de novo Santiago de Compostela como meta do Camiño, pero o Via Stellae aumenta as súas actividades por máis de cincoenta vilas e cidades galegas situadas nas dez rutas de peregrinación que conducen a Compostela (incluindo este ano como novidade o Camiño Portugués pola costa e o Camiño de Inverno). Recoñecido como unha referencia a nivel nacional e mesmo europeo, unha das cualidades máis sobranceiras do Via Stellae é a categoría dos intérpretes que enchen o seu atrainte cartel de 125 concertos.
Beatriz López clarinete
Nada en Jérica (Castellón), obtivo o título superior de clarinete no Conservatorio de Valencia e perfeccionou os seus estudos na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Co Trío Pamina actuou en España, Austria e Xapón e gañou concursos de música de cámara en Vinarós, Barcelona e Turín; tamén resulta premiada no Concurso Carlo Soliva de Casale Monferrato (Italia). Colaborou coas orquestras de Valencia, RTVE, Sinfónica de Galicia e Mozarteum de Salzburgo e foi membro da Sinfónica Cidade de Oviedo. Dende 2008 é clarinete solista da Real Filharmonía de Galicia e profesora de clarinete da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.
Jorge Rentería trompa
Naceu en Bilbao, estudou nos conservatorios da súa cidade natal e Madrid e na Royal Academy of Music de Londres. Aos dezaoito anos era membro da Sinfónica de Bilbao e posteriormente foi trompa solista da Orquestra Barroca da Unión Europea e das orquestras do Principado de Asturias, Castela e León e Xerusalén. O seu interese pola música antiga interpretada con instrumentos de época levouno a colaborar coas máis salientables orquestras especializadas en España (Orquestra Barroca de Sevilla, Al Ayre Español), Francia (Les Musiciens du Louvre, Les Talens Lyriques), Inglaterra (King´s Consort, English Baroque Soloists), Holanda (Amsterdam Baroque Orchestra), Irlanda (Irish Baroque Orchestra), Austria (Wiener Akademie) e Alemaña (Freiburger Barockorchester). É profesor de trompa natural na Escola Superior de Música do País Vasco Musikene e na Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia
Javier Gutiérrez piano
Nado en Washington D.C. de pais chilenos, estudou no Conservatorio da Universidade de Chile e na Southern Methodist University de Dallas, perfeccionando os seus estudos na Royal Academy of Music de Londres e na Universidade Mozarteum de Salzburgo. Gañador de diversos concursos nacionais e internacionais en Chile e Venezuela, realizou numerosos recitais en Chile, Uruguay, Paraguay, Brasil, Inglaterra, Austria e España, onde foi galardoado co primeiro premio dos concursos de Alcoy e Capdepera. Dende 2006 é profesor repertorista da Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid e dende 2008 catedrático no Conservatorio Superior de Zaragoza.