Máis de 500 persoas xa visitaron a exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”
Máis de medio milleiro de persoas xa visitaron a exposición “Viaxando pola historia, cen anos do MASAT”, conmemorativa do centenario do Museo Arqueolóxico do Monte San Trega, dende a súa inauguración o pasado 27 de xullo.
Pasados xa 20 días dende a apertura das súas portas, foron máis de 500 persoas as que se achegaron a coñecer un pouco da historia do noso pobo a través da mostra. Unha parte da historia marcada polo primeiro museo arqueolóxico de Galicia, sempre vinculado á actividade que realizaron os seus creadores da Sociedade Pro-Monte.
Todas aquelas persoas que desexen coñecer o noso pasado, poderán achegarse a visitara mostra ata o día 27 de agosto. O horario de apertura ó público é, de martes a sábado, de 12.00 a 14.00 horas e de 19.00 a 22.00 horas, e os domingos e días festivos en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 horas) na Casa dos Alonso.