O alcalde da Guarda media entre o estaleiro Joaquín Castro e a Entidade Local Menor de Camposancos
O pasado mércores tivo lugar unha reunión, na sede da Entidade Local Menor de Camposancos, entre unha representación dos traballadores do estaleiro Joaquín Castro e o equipo de goberno da Entidade Local. A esta reunión asistiu tamén un representante da CIGA e o alcalde da Guarda Antonio Lomba.
O pasado mércores tivo lugar unha reunión, na sede da Entidade Local Menor de Camposancos, entre unha representación dos traballadores do estaleiro Joaquín Castro e o equipo de goberno da Entidade Local. A esta reunión asistiu tamén un representante da CIGA e o alcalde da Guarda Antonio Lomba.
O motivo da reunión era coñecer as preocupacións dos traballadores e poñer no seu coñecemento o desencontro que manteñen, dende fai un tempo, empresa e administración. Este situación, motivada pola falta de acordo nos termos da concesión, vese agravada polos impagos da concesionaria. Para evitar a prescrición da débeda a Entidade Local fixo unha reclamación no xulgado despois de aprobar esta medida no último pleno cos votos favorables do equipo do goberno e da vocal do BNG.
O representante da CIGA apelou á sensibilidade dos responsables da Entidade no que respecta a situación laboral dos traballadores e a importancia do centro de traballo para o emprego e a economía locais.
O goberno da Entidade mostrou boa disposición para retomar os contactos co empresario sempre e cando este satisfaga a débeda que mantén coa administración. Neste punto o alcalde da Guarda ofreceuse a mediar entre as partes para intentar chegar a un acordo que regularice a débeda e permita a actualización do contrato de concesión de maneira satisfactoria para tódalas partes.
Tanto o concello da Guarda como a Entidade Local Menor de Camposancos están preocupados polo mantemento do centro de traballo e os empregos que xera, pero expresáronlle ao representante sindical e aos traballadores que teñen a obriga de velar polo público e que non poden permitir a prescrición nin o aumento da débeda que a empresa ten coa Entidade Local.
O alcalde está facendo as xestións oportunas para intentar regularizar a relación entre o estaleiro e a Entidade Local Menor de Camposancos.