O CIM presenta o espectáculo “AS NOSAS CHABOLAS” que rende homenaxe ás atadeiras da Guarda
A cita é este sábado ás 20 horas no Centro Cultural. Esta actuación de música e recordos será levado a cabo por “Coiro Vello”.
Este Sábado 19 de Marzo as 20 horas no Centro Cultural celébrase, en conmemoración do mes de marzo e mes da Muller, a través do Centro de Información á Muller (CIM) de A Guarda o evento “As Nosas Chabolas”.
Este espectáculo de música e recordos será levado a cabo polo grupo de cantareiras e pandereteiras “Coiro Vello”.
“Coiro Vello” é un grupo de mulleres, que case todas na súa xuventude foron atadeiras nas diferentes chabolas da Guarda. Dende que ser formou o grupo tiveron claro cal é a verdadeira tradición no noso pobo; cantar con voz forte e alegre as diferentes cancións que dende sempre se escoitaron nas chabolas a través da radio e dos maiores.
Este espectáculo quere render así unha homenaxe a unha xeración de mozas guardesas que pasaban as horas nas chabolas atando e cantando mentres, os homes, ían o mar. A función é unha pegada de identidade para A Guarda e por iso, “Coiro Vello” quere continuar coa tradición e, sobre todo, coa posta en valor daquela época para que nunca se perda e non quede no esquecemento.
Este sábado no centro cultural veremos unha representación dunha chabola de A Guarda das de antes, con imaxes e vídeos sorpresa para que entre todos os asistentes fagamos un recordo colectivo dunha época dura e a vez moi bonita para a nosa vila.