O Concello da Guarda agradece a colaboración das asociacións que decoraron as prazas no Nadal
O Concello da Guarda fixo entrega na mañá do martes día 8 de xaneiro duns lotes de produtos típicos ás diferentes asociacións que traballaron e colaboraron na decoración das prazas durante o pasado Nadal na Guarda.
Dende a Concellería de Cultura, Elena Baz destacou que esta colaboración foi esencial para poder contar na Guarda cunha decoración de nadal, feita con moito traballo, esmero e cariño por parte dos diferentes colectivos involucrados, 11 en total: San Xerome, Os da Foz, Mulleres Progresistas, Alfombristas da Guarda, Coro Arpegios Cantábile, Studio 88, Xamaraina, Fundación Las Samaritanas, Vento Mareiro, Avelaiña e Piueiro.
Sen dúbida un Nadal que non pasou inadvertido, tanto para visitantes como para os veciños e veciñas da vila, que destacaron o bo traballo para engalanar as principais prazas e espazos públicos do municipio.
Na mañá deste martes representantes das 11 asociacións participantes en «Decora o teu Nadal» recolleron o seu lote de produtos típicos en mans da Concelleira de Cultura, Elena Baz e da Concelleira de Turismo, Montserrat Magallanes.
Tag:A Guarda, nadal decoracion