Preto de 700 nenos e nenas visten as rúas da Guarda cos seus disfraces
O desfile dos rapaces e rapazas dos centros escolares da vila da o pistoletazo de saída a un entroido cheo de actividades.
Os nenos e nenas guardeses deron o inicio o Entroido cun gran desfile pola vila. Case 700 nenos e nenas de todos os centros escolares vestiron as rúas cos seus divertidos e vistosos disfraces.
Como en anteriores anos este desfile foi do máis variado e pintoresco. Houbo nenos e nenas que se converteron en polbo ou en fichas de diferentes xogos tradicionais, rapaces e rapazas que se vestiron coas roupas tradicionais doutras culturas ou outros, que retrocederon na historia para voltar a ser uns trogloditas. O paseo comezou ás 12 horas dende a Alameda, dende este punto foron paseando para facer as delicias dos pais, nais, avós e avoas, e demais familia que non dubidou en fotografalos.
Acompañando aos rapaces e rapazas, ademais dos mestres e algúns pais e nais que non deixaron de bailar, tamén estivo unha charanga que animou ao público que esperaba ver aos nenos e as nenas.
Con este desfile A Guarda da o pistoletazo de saída a un Entroido cheo de actividades e iniciativas para todas as idades. Concertos, festas para as familias, festas para os máis cativos, todo iso, e moito máis espera estes días no Entroido da Guarda.