A Guarda agradece o traballo das alfombristas da Guarda
A pasada fin de semana A Guarda celebrou as Festas do Corpus e do Santísimo coa elaboración das tradicionais Alfombras Florais.
Dende fai semanas moitas persoas traballaron con moito esforzo e dedicación na preparación dos diferentes materiais que se empregaron na mañá do pasado domingo para a confección das Alfombras Florais.
Deste xeito, traballaron a reo os veciños do pobo e visitantes que, colectivamente e de modo espontáneo, organízanse para levar a cabo esta actividade, a realización duns 2300 metros cadrados de superficie en tapices florais que luciron, no seu máximo esplendor, na xornada do domingo cando remataron os traballos dos centos de alfombristas das 10 rúas que se engalan para esta ocasión.
As previsións meteorolóxicas obrigaron a comezar a confección das alfombras a primeira hora da mañá e a atrasar a Procesión ata a tarde, o que permitíu tamén que moitos visitantes e veciños se achegasen para desfrutar deste espectáculo de cor.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, salientou o traballo levado a cabo nas celebracións da Festividade do Santísimo deste ano, ante as adversidades meteorolóxicas as veciñas e os veciños tiveron que confeccionar as alfombras florais cun novo horario. Normalmente comezan a facelas cara a noite do sábado anterior. Non obstante, este ano empezaron despois das 6 da mañá e, gracias ó seu incansable traballo, conseguiron rematalas a tempo para a Procesión do Santísimo, que tivo lugar ás 18:00h da tarde.
Dende o Concello da Guarda e dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda agradecen o traballo de todas as persoas que fixeron posible que esta celebración fose todo un éxito e así poder continuar esta tradición ano a ano, alfombristas, colaboradores, confrarías, Policía Local e persoal municipal de limpeza.
Tag:A Guarda, Alfombras florais, cultura, tradicion, turismo