|
Para os que nos dedicamos á vida pública non hai, penso eu, cousa máis bonita e atractiva que ser alcalde da túa vila, da túa cidade. Ser alcalde dache a proximidade dos teus cidadáns, a posibilidade de coñecer os seus problemas e tentar solucionalos, o poder mellorar as súas condicións de vida coas túas decisións. Ser alcalde conleva o privilexio de poder facer aquilo que moitos teñen na súa cabeza e só ti e os concelleiros e concelleiras co poder do voto podemos levar adiante.
Pero ser alcalde supón tamén un forte exercicio de responsabilidade e de humildade. Responsabilidade pola confianza que veciños e veciñas delegan en ti. Humildade para recoñecer que só tes, e por catro anos, un préstamo de confianza que non podes defraudar.
Afirmei no discurso da miña toma de posesión que non podería haber nada peor que un non soubera distinguir entre a esfera de partido e a esfera institucional, que un fixera distingos entre os seus e os outros. Prometín, e mantéñoo, que non vai ser o caso: que o goberno municipal que presido fará sempre bandeira de gobernar de acordo ós principios de xustiza, igualdade e transparencia.
E dicía tamén, aquel 16 de xuño de 2007, que estaba e sigo estando seguro que non hai maior xustiza e maior igualdade que favorecer que aqueles que aínda non gozan de bens tan prezados poidan disfrutalos mañá. Por iso as políticas sociais, a educación, a cultura, a sanidade serán preocupacións fundamentais. Contar coas mesmas posibilidades e oportunidades nestes eidos é o que nos vai facer verdadeiramente iguais.
A empresa que temos encomendada como corporación municipal preséntase fermosa e complexa. As ideas e proxectos que temos terán que facer que A Guarda ofreza calidade de vida aos seus habitantes e ós que nos visitan, que xeremos emprego e desenvolvemento sostible, que posibilitemos un crecemento harmónico, que saibamos protexer o moito e bo que posuímos, que teñamos futuro, que os nosos fillos e os nosos netos herden algo mellor que o que o hoxe temos.
Este concello ten que ser, ademais, o concello dos cidadáns. Temos que facer un esforzo importante, e imos facelo, para ter un concello vivo, un concello a onde acudan veciñas e veciños a expoñer as súas cuestións, a plantexar os seus problemas. Teremos que definir un modelo de administración máis áxil, máis eficaz. O exemplo empezou xa polos políticos: non é bo que só o alcalde adopte decisións e por iso fixen unha delegación real a favor de concelleiros e concelleiras que supón unha atención e solución de problemas moito máis inmediata.
O noso comercio e industria, a nosa pesca, o sector da construción e o turismo serán preocupacións fundamentais na acción de goberno. Colaboración de todos imos precisar en outros moitos eidos para deseñar políticas culturais, sociais, deportivas e de ocio que interesen a todos os sectores e a toda as idades. Ilusión, ganas, esforzo, traballo e máis traballo é o que ofrezo eu e o goberno municipal.
Para os que non coñecen A Guarda, un par de apuntamentos. Temos monte, mar e río. Temos o Monte Trega, paisaxes fermosísimas, praias e unha gastronomía na que os produtos do mar son a estrela. Prehistoria e historia, etnografía, arquitectura. En diversos apartados desta páxina web atoparedes as imaxes que certifican a nosa beleza.
Quero rematar cunhas palabras que copio literalmente do meu discurso de investidura do ano 99: “Temos todo o necesario para medrar. Temos uns veciños que supoñen un capital humano incrible. Non hai un concello que teña, porcentualmente, a cantidade e calidade de colectivos organizados e asociacións que, a pesar das dificultades, fan un labor formidable. Temos unha xente emprendedora que saiu adiante aquí e en moitos lugares fóra de aquí. Só temos que sentar as bases, poñer as condicións necesarias e o demais virá dado”.
Alcalde da Guarda
José Manuel Domínguez Freitas
|