O ALCALDE DA GUARDA, ANTONIO LOMBA, RECIBIU O CONSELLEIRO DE CULTURA E EDUCACIÓN, ROMÁN RODRÍGUEZ, NO CASTELO DE SANTA CRUZ
As obras comezarán nos próximos quince días e esperan estar acabadas antes de fin de ano.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu hoxe a visita do Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, no entorno do Castelo de Santa Cruz. Nesta visita, na que tamén estiveron presentes o Subdirector Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín, a concelleira de Cultura Elena Baz e o concelleiro de Servizos, Paulino Rodríguez, o conselleiro informou de que a terceira fase de obras para por en valor esta fortaleza comezarán nos próximos quince días.
Espérase que as obras estean rematadas antes de final de ano.
Estes traballos, que supoñen unha achega de 250.000 euros, rematarán os edificios destinados a Centro de Interpretación, centro de recepción de visitantes, bar e aseos, iniciados xa nas primeiras fases. O obxectivo é, dotar duns servizos mínimos para o goce do cidadán. Tras estas obras, afirmou o Conselleiro, a pretensión é continuar coas axudas e chegar a crear un museo neste entorno, para que nun futuro, afirmou o alcalde da Guarda, este forme parte da rede dos museos da localidade, xunto có museo do Monte e o Museo do Mar.
Antonio Lomba afirmou que a afluencia ó Castelo de Santa Cruz é media e que se necesita unha campaña de difusión e mellora de sinalización, ademais da dotación de servizos inmobiliarios, para que aumenten os visitantes.
O Castelo de Santa Cruz é un espazo único tanto pola cantidade e variedade de flora que alberga coma polos seus valores patrimoniais. Neste punto, o Concelleiro afirmou que dende a Consellería intentaran “apoiar tanto tecnicamente como economicamente” este enclave “cun alto valor histórico e moi ben rodeado por exemplo polo monte Santa Trega ou o Estuario do Miño”.