A Guarda continúa coa renovación da pista multideportiva da Atalaia
O Concello da Guarda está a realizar unha renovación integral da pista multideportiva da zona da Atalaia. Hai semanas instalouse no skate park unha nova varanda para aumentar a seguridade desta zona de ocio.
Con ela, evítase a caída de obxectos cara os lados e presenta unha mellor ancoraxe para aumentar a súa resistencia e duración ante o alto uso e afluencia de mocidade. Nos últimos días estívose a traballar na pista multideportiva, dándolle un cambio de cara total.
Cambiaranse as porterías e canastas da pista multideportiva, xa que ante o uso e os efectos do mar e do tempo presentaban un alto desgaste. Deste xeito, as instalacións estarán listas para que mozos e mozas desfruten delas durante todo o verán.
“Son intervencións que eran necesarias, pois agora coa chegada do verán aumentan os usuarios destas pistas e había puntos que eran inseguros para eles. Ademais, a comezos de agosto teremos o Galifornia Beat nesta zona e debe estar nas mellores condicións”, recorda Roberto Carrero.



