Cultura no Camiño trae tres espectáculos diferentes á axenda guardesa deste verán
Cultura no Camiño trae á nosa vila tres espectáculos este verán para desfrutar en familia nas tardiñas, ás 20:30h no auditorio de San Benito.
O primeiro deles será o próximo xoves 17 de xullo co espectáculo “Hoxe, si!”, que promete un show en linguaxe de clown con acrobacias aéreas e, sobre todo, moito humor.
Este espectáculo ten toques de nostalxia cómica e interactúa de maneira directa co público, convidándolle a ser partícipe desta festa.
Trátase dunha festa organizada para celebrar a vida e onde Ela quere facer realidade os seus “soños pendentes por cumprir”. É unha proposta desenfadada ambientada nos 80, unha invitación a xogar, a desfrutar, a soltarse e a vivir celebrando o momento presente.
Para o seguinte espectáculo xa haberá que agardar a finais de mes, o 31 de xullo, para o espectáculo “O que non se ve” de Et Susseia Danza, onde mesturarán danza e tradición. Finalmente, pechará o mércores 13 de agosto a compañía As Sircópatas co espectáculo “Rogelio III, la fête”, un espectáculo de clown e moito humor.
Agardámosvos a todos no auditorio de San Benito ás 20:30h!



