A Concello da Guarda volve apostar pola conciliación cun Campamento de Nadal gratuíto
O Concello da Guarda propón de novo para os días de vacacións de Nadal un campamento cheo de actividades lúdicas para as crianzas guardesas.
Estes obradoiros de ocio e tempo de lecer están dirixidos a crianzas de 3 (4º de E. Infantil) ata os 10 anos empadroadas na Guarda e son de carácter gratuíto. O obxectivo principal é facilitar a conciliación da vida persoal e laboral no período non lectivo.
Os obradoiros terán lugar os días 22, 23, 24, 26, 29, 30 e 31 de decembro e 2 xaneiro en horario de 9 a 14 horas. No caso de necesidade das familias, poderá facerse un horario extensivo de 8:30 a 14:30 para as familias que marquen esta opción na solicitude.
As inscricións abriranse desde mañá, día 20 de novembro, ata o 4 de decembro. As inscricións poderanse realizar presencialmente no rexistro ou de xeito telemático a través da sede electrónica. Na sede electrónica deberá cubrirse unha instancia xeral e, en sede ou rexistro, sempre se debe achegar a ficha de inscrición cuberta na súa totalidade.
FICHA SOLICITUDE CAMPAMENTO NADAL (deberase cubrir na súa totalidade)
En total ofértanse 30 prazas para este campamento. No caso de quedar prazas vacantes poderán participar crianzas doutros concellos, mais se as inscricións superan o límite de prazas, realizarase un sorteo público o día 10 de decembro ás 10:00 h no Concello da Guarda.
A listaxe de persoas admitidas será publicado na web do Concello e aparecerá codificado co número de rexistro da solicitude, polo que resulta importante conservar o comprobante da presentación da mesma.
Esta actividade está enmarcada dentro do programa Corresponsables promovido pola Consellería de Política social e Igualdade da Xunta de Galicia.
Máis información en informacion@aguarda.es ou na OMIX do Concello da Guarda



