
A III edición de A Rosegha ofrecerá na Guarda dous días de modelismo naval, oficios e memoria mariñeira
O Concello da Guarda e a Asociación Piueiro presentaron este martes a terceira edición de “A Rosegha”, unha cita que converterá a explanada do porto nun gran espazo dedicado á cultura mariñeira, ao modelismo naval e aos oficios tradicionais durante esta fin de semana, 11 e 12 de xullo.
No acto de presentación participaron o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, o presidente da Asociación Piueiro, Joaquín Cadilla, así como os concelleiros Celso Fariñas, Isidro Lomba, e membros da asociación, quen deron a coñecer unha programación que continúa medrando e consolidando este encontro como unha das propostas do verán guardés.
Durante a presentación, o alcalde destacou o valor da iniciativa para preservar e divulgar a identidade mariñeira da vila. “A Rosegha é xa unha das citas que mellor contan o que é A Guarda. Nun mesmo espazo conviven os que construíron a nosa memoria mariñeira e os que a van herdar, e iso non o consegue calquera festa. O Concello vai estar sempre ao lado dun proxecto que nace da veciñanza e que proxecta a nosa identidade moito máis alá do Baixo Miño”.
Pola súa banda, Joaquín Cadilla puxo en valor o carácter participativo e interxeracional da Rosegha: “Non é unha exhibición de maquetas, é unha maneira de vivir e de sentir o que somos. Cada barco que navega na carpa leva detrás horas de traballo, moita paciencia e, sobre todo, a memoria dos que saíron ao mar antes ca nós. O noso empeño é que esa memoria non quede gardada, senón que se comparta, se toque e se aprenda”.
A programación arrancará o sábado 11 de xullo ás 10:00 horas coa chegada ao porto de O Trebón dos Xidos e o seu pasarrúas ata a carpa instalada na explanada portuaria. Ao longo da fin de semana desenvolveranse continuas sesións de navegación de maquetas, tanto diúrnas como nocturnas, dedicadas a diferentes tipoloxías de embarcacións, ademais dun espazo específico para que a rapazada poida navegar cos seus propios barcos ou cos facilitados pola organización.
O programa inclúe tamén numerosos obradoiros participativos de návoas e arxila, presentacións de libros, conferencias sobre a historia marítima guardesa, exhibicións de modelismo, visitas guiadas pola Guarda mariñeira, exposicións permanentes de maquetas, material marítimo-pesqueiro e barcos de lata, así como actuacións de música tradicional.
As persoas asistentes tamén poderán embarcar no volanteiro Piueiro, recuperado pola asociación, mediante saídas guiadas de aproximadamente 50 minutos, con inscrición previa na carpa ata completar as prazas dispoñibles.
A xornada do domingo completarase con novas actividades, o pasarrúas do Grupo de Gaitas do Clube de Xubilados e Pensionistas da Guarda, o izado de velas dos antigos gameleiros e a entrega de premios, prevista para as 13:00 horas.
A Rosegha volve demostrar que a memoria mariñeira da Guarda continúa viva grazas ao compromiso das persoas que a conservan e a comparten, facendo do porto un lugar de encontro entre o pasado, o presente e o futuro da vila.


