
O alumnado do CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo puxo en valor durante o curso escolar o patrimonio indiano da Guarda a través do programa “Escolas de Fronteira”
O CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo participou durante este curso escolar no programa Escolas de Fronteira, unha iniciativa educativa da Consellería de Educación integrada no proxecto Escolas Bilingües e Interculturais de Fronteira da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), que ten como finalidade fomentar a cooperación educativa entre centros de Galicia e Portugal, impulsar o plurilingüismo e favorecer o coñecemento mutuo entre os territorios fronteirizos.
O proxecto, que no ano 2024 foi distinguido polo xurado do Premio Princesa de Asturias de Cooperación Internacional á OEI e que conta con financiamento europeo a través do programa Interreg da Unión Europea, reuniu durante este curso a 55 centros educativos, 2.368 estudantes e 167 docentes de España e Portugal.
O CEIP Plurilingüe As Solanas participou por segundo ano consecutivo nesta iniciativa desenvolvendo o proxecto titulado “Diálogos culturais na fronteira”, centrado nesta edición no coñecemento, investigación e divulgación dun elemento destacado do patrimonio local: as casas indianas da Guarda.
Ao longo deste curso, arredor de 50 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria participaron nesta experiencia educativa xunto ao CEIP Nº1 de Tui e ao Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho de Valença, compartindo actividades destinadas a reforzar a aprendizaxe das linguas, o coñecemento mutuo e o patrimonio común dos territorios das dúas beiras do Miño.
Nesta edición, cada centro centrou o seu traballo nun elemento arquitectónico representativo da súa contorna. O alumnado de As Solanas investigou as casas indianas, un dos principais símbolos do patrimonio arquitectónico e histórico da vila. Ademais, o proxecto contou coa colaboración de persoas especialistas como o historiador Miguel Villa, experto na historia da emigración guardesa a América, e a arquitecta Ana Lima, especializada na construción das casas indianas, que achegaron ao alumnado unha visión histórica e arquitectónica deste patrimonio.
Como resultado do traballo desenvolvido, o alumnado creou numerosos materiais interactivos e manipulativos, entre eles fichas en galego, castelán e portugués sobre os elementos arquitectónicos das casas indianas, maquetas, murais desmontables, imaxes-palabra, quebracabezas e puzles xigantes.
O proxecto completouse coa elaboración dun libro informativo e de apoio didáctico, creado polo propio alumnado, no que se recompila a información investigada sobre distintas casas indianas da Guarda e que serve como guía para coñecer este patrimonio dunha maneira accesible e atractiva.
O traballo desenvolvido permitiu tamén realizar diferentes saídas e actividades prácticas. O alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria visitou a Casa de As Torres, en Camposancos, para coñecer de primeira man as súas características arquitectónicas e a súa historia, mentres que outros grupos realizaron roteiros por diferentes casas indianas situadas no centro da vila.
Ademais, ao longo do curso desenvolvéronse actividades de intercambio cos centros participantes, entre elas un intercambio de lecturas mediante maletas viaxeiras con libros en portugués, así como propostas relacionadas coa cultura, as tradicións, os lugares emblemáticos e os personaxes relevantes das dúas beiras do Miño.
O alumnado tamén participou na revista escolar Miau, do Agrupamento de Escolas Muralhas do Minho, achegando contidos relacionados co proxecto e coa realidade cultural compartida entre Galicia e Portugal.
Outra das actividades desenvolvidas foron os encontros entre o alumnado dos tres centros participantes. Un dos máis destacados tivo lugar o pasado 27 de maio no parque Nossa Senhora da Cabeça, en Valença, nunha xornada de convivencia na que os escolares puideron coñecer aos seus compañeiros portugueses e galegos, compartir os proxectos realizados e practicar as distintas linguas nun contexto de intercambio cultural.
A coordinación entre os equipos docentes foi unha peza fundamental do proxecto. O profesorado dos centros participantes mantivo reunións periódicas de seguimento e planificación, tanto presenciais como en liña, para deseñar as actividades e compartir experiencias educativas.
O traballo desenvolvido polo CEIP Plurilingüe As Solanas tamén foi presentado en diferentes encontros educativos, como as xornadas do programa celebradas en Zamora os días 1 e 2 de xuño, onde o centro mostrou os materiais elaborados, e no Congreso EDUCODS celebrado en Tui o 3 de xuño.
Un dos elementos máis singulares desta edición foi a creación dunha canción inédita representativa do proxecto Escolas de Fronteira, seleccionada durante o encontro de Zamora como composición común dos centros participantes e empregada actualmente pola Organización de Estados Iberoamericanos con fins educativos e didácticos.
O Concello da Guarda quere poñer en valor o traballo realizado polo CEIP Plurilingüe As Solanas – Nicolás Gutiérrez Campo e a implicación do seu alumnado e profesorado nun proxecto que contribúe á aprendizaxe das linguas, ao intercambio cultural e ao coñecemento do patrimonio local, convertendo ás casas indianas da Guarda nun recurso educativo e nun elemento de identidade compartido coas novas xeracións.


