
A Policía Local da Guarda informa de cortes puntuais de tráfico con motivo do II Gran Premio Ciclista Orpagu
A Policía Local da Guarda informa de que, con motivo da celebración do II Gran Premio Ciclista ORPAGU, mañá, sábado 25 de xullo, estableceranse cortes puntuais de tráfico e itinerarios alternativos para garantir a seguridade das persoas participantes e o correcto desenvolvemento da competición.
A proba deportiva dará comezo ás 15:00 horas, polo que a partir das 14:30 horas procederase ao peche ao tráfico das seguintes vías:
• Rúa Vigo, no tramo comprendido entre o cruce dos Bechos e a rotonda da Avenida de Portugal (Campo de Fútbol da Sangriña), en ambos os dous sentidos.
• Rúa Celta, dende o cruce do Centro de Saúde ata a súa intersección coa rúa Vigo, tamén en ambos os dous sentidos.
• Avenida de Portugal, dende o cruce coa Carretera de Camposancos, quedando cortado o tráfico en sentido ascendente. Nesta vía permitirase unicamente a circulación en sentido descendente.
Co obxectivo de minimizar as afeccións ao tráfico, estableceranse itinerarios alternativos, que estarán debidamente sinalizados. Os axentes da Policía Local, coa colaboración de Protección Civil do Rosal, realizarán o control dos distintos puntos de corte e informarán ás persoas usuarias das vías sobre as rutas alternativas habilitadas.
O Concello da Guarda solicita á veciñanza e ás persoas condutoras a súa colaboración, recomendando planificar os desprazamentos con antelación e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local e do persoal de Protección Civil. Así mesmo, agradece a comprensión ante as molestias ocasionadas, necesarias para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento desta cita deportiva.


