
José Manuel de la Guerra expón a súa obra no Centro Cultural con motivo das Festas do Monte
O Centro Cultural da Guarda acollerá do 3 ao 16 de agosto a exposición de pintura e ilustración “Man Guerra”, unha mostra artística de José Manuel de la Guerra que forma parte da programación das Festas do Monte e está organizada pola Comisión de Festas.
A exposición, que poderá visitarse en horario de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, propón unha viaxe artística que transita entre o figurativo e a abstracción máis profunda, convidando ao público a descubrir unha colección de obras que abranguen dende paisaxes reais ata escenarios imaxinarios. Segundo explica o propio autor, a mostra percorre un amplo espectro de espazos, algúns de carácter subxectivo e outros pertencentes ao imaxinario colectivo, explorando os límites entre o real e o onírico.
Esta mesma filosofía reflíctese tamén nas técnicas e nos soportes empregados, nos que a imaxe e a súa linguaxe adquiren un papel protagonista. A través da pintura e da ilustración, José Manuel Guerra busca deter a mirada do espectador e convidalo a unha experiencia visual situada entre o cotián e o fantástico.
José Manuel de la Guerra iniciou a súa formación na Escola de Artes Aplicadas de Madrid, que completou posteriormente na Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais e na Escola de Cerámica da Moncloa. Máis tarde trasladouse a Venezuela, onde traballou xunto ao seu pai, recoñecido interiorista responsable do deseño dalgúns dos locais máis emblemáticos de Caracas, unha experiencia que contribuíu a consolidar o seu carácter creativo.
Ao longo da súa traxectoria, o artista explorou diferentes disciplinas vinculadas á creación artística e ao deseño dixital. Nesta ocasión presenta unha selección de obras pictóricas que convidan o público a mergullarse nun universo visual no que conviven a realidade e a imaxinación.


