
Os Coribantes de Buchabade recalan mañá na Guarda coa súa Xira Lembranzas
A programación cultural do Concello da Guarda continúa mañá, 15 de agosto, cunha proposta que pon no centro a música, o baile e a tradición galega. O Auditorio de San Benito acollerá, a partir das 20:00 horas, a actuación de Os Coribantes de Buchabade, que recalan na Guarda dentro da súa xira “Lembranzas”.
A formación, nada no ano 2005 na parroquia de Buchabade, no concello de Ponte Caldelas, converteuse ao longo destes anos nunha das agrupacións de referencia da música tradicional na provincia de Pontevedra, cunha marcada aposta pola recuperación, difusión e renovación do folclore galego.
Os Coribantes destacan por unha proposta que vai máis alá do formato tradicional de banda de gaitas. As súas actuacións combinan música e baile e incorporan, xunto ás gaitas, pandeiretas e tambores, instrumentos procedentes doutras tradicións e estilos musicais, como guitarras, baixo, batería, violín, teclado, acordeón, saxofóns ou trompetas. Esta combinación permite á agrupación crear espectáculos de carácter folk nos que a tradición galega dialoga con sonoridades máis contemporáneas.
A formación está integrada por persoas de diferentes idades e procedentes de distintos concellos da comarca de Pontevedra. Na actualidade, son preto dun centenar os integrantes entre a banda e os grupos de iniciación, contando ademais con formacións e actividades vinculadas ao baile, a gaita, o tambor, a pandeireta e o canto.
Ao longo da súa traxectoria, Os Coribantes de Buchabade levaron a súa música por numerosos escenarios de Galicia, España e Portugal, participando en intercambios culturais e en diferentes encontros e programacións musicais. O seu traballo de mestizaxe entre tradición e novas influencias converteunos nunha formación cunha identidade propia e cunha importante presenza no panorama cultural galego.
A súa chegada á Guarda prodúcese, ademais, nun momento especialmente significativo para a agrupación, que está nomeada aos Premios Rebulir da Cultura Galega 2026 na categoría de Música Galega, un recoñecemento ao seu labor de difusión e posta en valor da cultura galega.
A proposta deste sábado será, polo tanto, unha oportunidade para desfrutar en directo dunha formación que mantén as raíces na música tradicional galega pero que aposta tamén pola evolución e pola incorporación de novas sonoridades, nun espectáculo pensado para todos os públicos.


