
María Jesús Alonso presenta o libro “Raíces de niebla” este venres na Casa do Concello
Este venres, 28 de agosto, ás 20:00 horas, terá lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial a presentación do libro Raíces de Niebla, da escritora guardesa María Jesús Alonso.
Raíces de Niebla é un íntimo percorrido pola memoria, a fe e a nostalxia, no que a autora entrelaza, a través da poesía, lembranzas, perdas, migracións e renacementos. Entre Galicia, Nova York e outros paisaxes, María Jesús Alonso constrúe unha voz poética tenra e serena que busca sentido nos momentos que marcan unha vida.
A infancia galega, a experiencia da emigración, a presenza do divino, o amor maternal, a beleza da natureza, o duelo e a esperanza percorren unha obra na que cada poema se converte nunha raíz que xorde entre a néboa: ás veces suave, outras desgarrada, pero sempre auténtica.
O libro preséntase así como un refuxio, unha homenaxe e unha despedida, pero tamén como un canto á vida e á terra. Un testemuño persoal no que a memoria e a emoción se transforman en poesía e no que, mesmo na distancia e na sombra, permanece a luz necesaria para seguir creando beleza.
Dende o Concello da Guarda convidamos á veciñanza e a todas as persoas interesadas na literatura e na poesía a asistir a esta presentación. Ao remate do acto ofrecerase un viño español para compartir este encontro nun ambiente de conversa e celebración.


