
O outono teatral volve esta semana cunha dobre cita no Centro Cultural da Guarda
O departamento de Cultura do Concello da Guarda organiza esta semana unha dobre cita incluída na programación do Outono Teatral, que traerá ao Centro Cultural dúas propostas escénicas pensadas para achegar o teatro a todos os públicos.
A primeira cita será o venres 6 de novembro, ás 21:00 horas, co espectáculo de comedia improvisada “Bibidibabidibú”, protagonizado por Sheyla Fariña, Susana Sampedro e Marta Doviro.
As tres intérpretes darán vida a unhas fadas que empregan a súa maxia para tentar cumprir os desexos das persoas asistentes. Para iso, o público poderá escribir nun papel aquilo que máis ansía e depositalo no caldeiro das fadas. Ao longo do espectáculo escollerán algúns deses desexos ao azar para representalos sobre o escenario de maneira totalmente improvisada e en clave de humor.
A segunda proposta chegará o sábado 7 de novembro, ás 18:00 horas, con “Entre fíos anda o lío”, un espectáculo familiar de teatro que afonda no oficio da costura, na memoria das mulleres e na transmisión de saberes entre xeracións.
A peza presenta a historia dunha muller que percorre o mundo co seu carromato, un fogar con rodas que é á vez escenario e taller, acompañada dunha araña discreta e tecedeira de silencios. A través dos fíos e as historias que agochan, a obra convida a descubrir os vínculos invisibles que unen as nosas vidas.
A proposta combina música, narración oral, imaxes e movemento para poñer en valor a importancia histórica e cultural do traballo da costura.




