
A Guarda acolle a exposición fotográfica “O río que nos move. En canoa polos 317 km do pai Miño”
A Guarda acollerá dende este xoves 12 de novembro ata o 27 de novembro a exposición fotográfica “O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño”, un proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural 40 Anos do Descenso do Miño, coa colaboración do Concello da Guarda, que conmemora as catro décadas dunha aventura pioneira protagonizada por cinco mozos do Baixo Miño.
A inauguración terá lugar ás 19:00 horas na Casa dos Alonso e converterá A Guarda na última parada desta mostra itinerante pola provincia de Pontevedra.
A exposición recupera a expedición que, en xuño de 1985, levou a Carlos Carrera, Xurxo Estévez, Juanjo Otero, Santos González e Rafael Cid a percorrer os 317 quilómetros do río Miño, dende o seu nacemento en Meira ata a desembocadura entre A Guarda e Caminha. Fixérono en dez días, sen equipo de apoio e a bordo de dúas canoas canadenses construídas por eles mesmos.
A mostra reúne fotografías da travesía, da autoría de Carlos Carrera, e complétase coa exposición dunha das canoas utilizadas no descenso, restaurada para a ocasión, así como cos chalecos e remos da expedición.
A xornada inaugural contará tamén coa proxección e comentario das fotografías por parte dos cinco protagonistas da expedición e cun coloquio sobre a situación actual do río, o seu valor natural e cultural e as súas posibilidades de futuro. Nel participarán Agustín Ferreira, da Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM); Ana Santamariás, bióloga especialista en ríos e gran coñecedora do Miño; e Horacio García, xeógrafo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que presentará mapas e fotografías históricas do río, incluíndo imaxes de 1929, anteriores á construción dos encoros.
Con esta iniciativa, o proxecto busca ir máis alá da lembranza daquela aventura para promover o coñecemento, a divulgación e a protección do Miño como patrimonio natural e cultural compartido entre Galicia e Portugal. Unha reivindicación que resume o espírito da exposición: o Miño tamén é camiño.


