
O Centro Cultural acolle mañá a segunda sesión do IX Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais coa película “La buena letra”
O Centro Cultural da Guarda acollerá mañá, venres 13 de novembro, ás 20:30 horas, a segunda cita cinematográfica do IX Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, coa proxección da película La buena letra, dirixida por Celia Rico e baseada na novela do escritor Rafael Chirbes.
Despois da proxección de Bodegón con fantasmas, esta nova sesión permitirá ao público achegarse a outra historia que invita á reflexión a través do cine.
Ambientada na posguerra, La buena letra narra a historia de Ana, unha muller que loita por manter unida á súa familia nun contexto marcado polas dificultades e as feridas do pasado. A través da súa historia, o filme pon o foco nos sacrificios, nos coidados e no papel das mulleres no sostemento das familias.
O Concello da Guarda súmase así á IX edición do Ciclo Nacional de Cine e Mulleres Rurais, unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que ten como obxectivo dar visibilidade ao papel das mulleres no medio rural a través do cine, achegando ao público historias que amosan diferentes realidades, experiencias e perspectivas.


