O Concello da Guarda continúa promovendo a compostaxe con charlas informativas
O Concello da Guarda continúa co seu obxectivo de mellorar o aproveitamento dos recursos e a separación e xestión de residuos. Por iso, este xoves 20 de novembro, ás 17:30h haberá unha charla sobre a compostaxe.
A charla axudará aos veciños e veciñas que solicitaron un composteiro a coñecer mellor a súa función e uso, mais tamén está aberta a toda persoa que teña un composteiro ou queira saber máis sobre a compostaxe.
O obxectivo é reciclar a materia orgánica para obter un abono de alta calidade que os participantes poden aproveitar nas súas hortas ou xardíns, ao tempo que reducen os custos asociados. Deste xeito apóstase pola economía circular ao tempo que contribúe a reducir a produción de residuos e lixo e a minorar as emisións de CO2 á atmosfera.
Mentres tanto, o Concello da Guarda segue a repartir composteiros de xeito gratuíto entre os veciños e veciñas. As persoas interesadas en obter un composteiro, xa o poden solicitar a través de medioambiente@aguarda.es ou no 986 61 00 00.
Así mesmo, o Concello xa comezou a repartir as chaves para ter todo listo ante a inminente instalación do contedor marrón durante estas semanas. Rogamos ás persoas que se apuntaran para a chave que acudan ao Concello a recollela, xa que nalgúns casos non se aportou o teléfono de contacto.



