O sábado e domingo da Ponte da Constitución haberá visitas guiadas ao Castro de Santa Trega
Nesta fin de semana, con motivo da ponte da Constitución, volven as visitas guiadas ao Castro de Santa Trega. Estas son un complemento perfecto para visitar o monte, recorrendo o noso territorio a través das rutas de sendeirismo, desfrutando da natureza no Esteiro do Miño, descubrindo a vida mariñeira no porto e no Museo del Mar e degustando a nosa gastronomía e produtos locais.
Estas visitas guiadas realizaranse coincidindo coa apertura do Museo Arqueolóxico para que os visitantes poidan completar as explicacións do guía coa propia visita ao museo. Haberá dúas visitas guiadas: sábado 6 e domingo 7 de decembro ás 12:00h cunha duración duns 45 minutos.
A visita centrase no valor arqueolóxico da zona escavada do Castro de Santa Trega, nun recorrido de menos dun quilómetro que inclúe o Barrio Mergelina e finaliza nas vivendas reconstruídas, permitindo coñecer como vivían os castrexos no Trega hai máis de 2.000 anos.
Esta actividade non precisa inscrición previa, os interesados tan só terán que presentarse minutos antes do comezo da visita no aparcadoiro da Casa Forestal que se atopa uns metros despois de cruzar o castro. Aqueles que accedan en vehículo ao monte deberán abonar a taxa de acceso, sendo a visita guiada gratuíta.
Ademais a Rede de Museos da Guarda contará cunha apertura ampliada:
- MASAT (Museo Arqueolóxico). Do sábado e domingo: 10:00 a 19:00h
- Museo do Mar. De venres a domingo: 11:00 – 14:00 / 16:00 -19:00h
- Castelo de Santa Cruz: Espazo público aberto todos os días: 10:00-18:00h.
Por último, recordar que a Oficina Municipal de Turismo na Prazo do Reló estará aberta de sábado a luns de 10:00 a 14:00h. Tamén pódese consultar no mail a turismo@aguarda.es ou no tel. 986 61 45 46.



