Presentación e lanzamento da Aplicación para móbiles do Concello da Guarda
Esta mañá presentouse na Casa dos Alonsos a aplicación para móbiles do Concello da Guarda.
O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, foi o encargado de presentar esta aplicación ós medios de comunicación e os diferentes veciños e veciñas que asistiron a dito acto.
“Aínda que é hoxe a presentación oficial o equipo do Concello leva tres semanas traballando nesta iniciativa. Estes primeiros días o que queremos é testala para resolver os posibles inconvenientes que teña a APP”, comezou dicindo Lomba.
O alcalde continuou presentando o equipo que traballará para que, cada un dos apartados da aplicación funcione correctamente.
Así, José David Flores, técnico informático será o encargado de asesorar e coordinar o equipo. Teresa Espejo, técnica de Cultura, é a responsable da axenda da aplicación, Rosalía Verde, técnica de Turismo, é a persoa que actualizará os contidos do espazo de Turismo e a Guía de Empresas. E por último, Patricia Guisantes, será encargada, xunto con José Luis Gil e María del Carmen García, de coordinar o módulo de incidencias.
“Esta aplicación ten unha parte de información moi interesante tanto para os veciños e veciñas da Guarda coma para os nosos visitantes, unha parte interactiva e outra parte de avisos”, explicou o alcalde guardés.
E seguiu explicando que, por exemplo, o módulo de incidencias, é unha parte da aplicación moi interesante xa que, calquera persoa poderá sacar unha fotografía a un problema ou incidencia e mandala directamente ó Concello. Dende aí Patricia Guisantes, se poría en contacto con os responsables e se solventaría. Unha vez que se resolva, chegaría un mail á persoa que aportou dita mensaxe.
Outro módulo que resaltou o alcalde foi a “Guía de Empresas”. Neste punto quixo facer un chamamento ás empresas guardesas que aínda non se deron de alta para que formen parte da aplicación. “Queremos que a xente se implique co concello e esta é unha boa maneira”, afirmou Lomba.
Por último recalcou as pestanas de “Turismo” e de “Mapas”, moi interesantes para os visitantes que cheguen a Guarda. O que vai facer o Concello, explicou Lomba, publicitar a descarga da APP na entrada da vila e na web.
O Concello contou cun orzamento de 3942 euros. Ademais, tal e como confirmou o alcalde, o mantemento anual custará 450 euros.
Antonio Lomba explicou que quere que a aplicación sexa un complemento para a páxina web xa que é algo creado para utilizar nos móbiles. “Esta aplicación enténdese para levar no peto, para usala cando esteas na rúa”, afirmou.
O Concello da Guarda espera que sexan moitos os veciños e veciñas da vila, e tamén os visitantes, os que se descarguen esta aplicación nos seus dispositivos móbiles e poidan gozar da gran variedade de servizos que se ofertan.