O alcalde da Guarda recibiu a Eugenio Vicente, neto do guardés Avelino Vicente
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, e o concelleiro de Cultura, Celso Fariñas, recibiron hai unhas semanas a Eugenio Vicente Benítez, neto do guardés Avelino Vicente; e a súa esposa, Margarita Borrero de Vicente.
Eugenio, de 95 anos, compartiu algún dos recordos que se comentaban na familia sobre o seu avó, resaltando o seu espírito de axudar aos máis necesitados.
O alcalde e o concelleiro agasallaron ao matrimonio cunha placa do Concello e co libro de poemas de Feliciano Rolán “De mar a mar”. Eugenio e Margarita amosaron moitas gañas de achegarse ao idioma galego, xa que se trata dunha edición bilingüe do autor contemporáneo a Avelino.
Avelino Vicente naceu en Sacidos no 1859 e a comezos da década de 1870 emigrou a Porto Rico. Conseguiu ser un comerciante de éxito e vai pasar a ser coñecido en Porto Rico por ser o artífice do edificio da “Sociedade Española de Auxilio Mutuo e Beneficencia”, un hospital onde se curaban os inmigrantes españois.
Desde 1912, ano da inauguración do hospital, ata a súa morte en 1928, Avelino traballou constantemente pola consolidación e progreso do hospital. Na actualidade, o hospital continúa a ser unha referencia en Porto Rico, sendo o centro de saúde máis grande e completo do Caribe e ofrecendo os seus servizos a miles de pacientes.
Ademais, tamén tivo un papel moi relevante o proxecto da creación do Hospital Casa-Asilo na Guarda, o actual Centro Cultural. Este labor conmemóraselle cun busto na súa honra na entrada do edificio.
Sendo un dos guardeses máis influíntes da inmigración, na nosa vila dedicóuselle unha das prazas máis importantes e céntricas, cunha placa que lembra o seu labor.



