O Concello da Guarda informa dos cortes de tráfico con motivo da celebración do Corpus Christi
O Concello da Guarda informa dos cortes de tráfico e restricións de estacionamento que se levarán a cabo con motivo da celebración do Corpus Christi e da elaboración das tradicionais alfombras florais que percorrerán distintas rúas do municipio.
A partir das 2:00 horas da madrugada do domingo 7 de xuño, a Policía Local da Guarda procederá ao corte das rúas Hernán Cortés, Malteses, Concepción Arenal, Brasilino Álvarez Sobrino, Antonio Alonso e dun tramo ascendente da rúa Oliva.
Dende ese momento quedará prohibido tanto o estacionamento como a circulación nestas vías ata o remate da procesión do Corpus Christi, que dará comezo ás 18:00 horas dende a Igrexa de Santa María da Guarda. Previamente celebrarase a misa ás 17:30 horas no mesmo templo.
Co obxectivo de facilitar a mobilidade durante a xornada, habilitarase un cambio de sentido na rúa Julián López, permitindo así o acceso ao aparcadoiro público da rúa Brasilino Álvarez Sobrino ata o inicio da procesión.
Así mesmo, todas aquelas persoas que necesiten acceder á zona portuaria deberán facelo polo acceso sur, a través do desvío habilitado pola Carretera de Circunvalación e seguindo pola Avenida Fernández Albor.
Ao longo de toda a xornada, e dende a hora fixada para os cortes de tráfico, a Policía Local da Guarda controlará os accesos e os distintos puntos de corte co fin de garantir que a confección das alfombras florais e os actos relixiosos do Corpus Christi se desenvolvan con seguridade e normalidade.
O Concello da Guarda agradece a colaboración e comprensión da veciñanza ante estas restricións temporais, necesarias para o correcto desenvolvemento dunha das celebracións máis tradicionais e emblemáticas do municipio.



