
O Concello da Guarda agradece á Comunidade de Montes de Salcidos a súa colaboración para aforrar auga potable nas labores de limpeza viaria
O Concello da Guarda quere expresar o seu agradecemento á Comunidade de Montes de Salcidos pola colaboración prestada ao permitir o uso da auga do seu depósito para as labores de baldeo das rúas do municipio.
Trátase de auga non potable e sen clorar, polo que non é apta para o consumo humano, pero resulta plenamente axeitada para este tipo de servizos de limpeza viaria. Grazas a esta colaboración, o Concello pode continuar desenvolvendo estas tarefas sen recorrer á auga da rede de abastecemento, contribuíndo así a preservar un recurso esencial nun momento de elevado consumo.
Esta iniciativa enmárcase nas medidas adoptadas polo Concello nas últimas semanas para favorecer un uso responsable da auga. O incremento da poboación durante o verán provocou un importante aumento do consumo, chegando a rexistrarse puntas próximas aos tres millóns de litros diarios, o que levou á administración local a facer un chamamento á veciñanza para evitar o enchido de piscinas e a rega de xardíns particulares. Posteriormente, reforzáronse estas actuacións co peche dos lavapés das praias, das fontes públicas e coa suspensión da rega das rotondas e das zonas verdes municipais.
Neste contexto, o Concello destaca especialmente a colaboración da Comunidade de Montes de Salcidos, un exemplo de cooperación entre entidades do municipio para facer un uso máis eficiente dos recursos dispoñibles.
Así mesmo, cómpre sinalar que os traballos de mantemento dos xardíns e espazos verdes municipais que realiza XEREMPREGA tamén se levan a cabo empregando recursos hídricos alternativos á rede de abastecemento. Para estas tarefas utilízase auga procedente dos seus propios pozos, así como da fonte da Gándara e da Ribeira, recursos que tampouco están destinados ao consumo humano.
O Concello da Guarda agradece a implicación de todas as entidades e persoas que están a colaborar neste esforzo colectivo e insiste na importancia de continuar facendo un uso responsable da auga para garantir o abastecemento durante os meses de maior demanda.


