
O alcalde, Roberto Carrero, visitou a nova lavandería autoservicio “Aquaflash” na campaña de apoio aos novos establecementos e novas xerencias da Guarda
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, visitou esta semana a nova lavandería autoservizo Aquaflash, situada na rúa Manuel Álvarez, 16, dentro da campaña de apoio aos novos establecementos e aqueles que estrean nova xerencia no municipio.
Na visita coñeceu de primeira man o novo establecemento impulsado pola guardesa Ángela Vicente, quen decidiu emprender por primeira vez con moita ilusión e ganas, tras levar tempo valorando a posta en marcha dun proxecto propio, abrindo o negocio o pasado 1 de xullo coa vontade de ofrecer un servizo moderno, cómodo e accesible para os veciños e veciñas da Guarda e as persoas visitantes.
Aquaflash é unha lavandería totalmente autoservizo que permanece aberta os 365 días do ano, en horario de 7:00 a 00:00 horas. O establecemento conta cunha zona de lavado equipada con tres lavadoras de diferentes capacidades —10, 14 e 18 quilos— e tres secadoras, permitindo ademais realizar os pagos tanto en efectivo como con tarxeta.
Co obxectivo de ofrecer unha experiencia cómoda aos seus clientes, as instalacións dispoñen tamén dunha zona de descanso para agardar mentres rematan os programas de lavado e secado, unha pequena área de xogos para os máis pequenos e mesas con cestas e carriños para facilitar a recollida e dobrado da roupa.
Entre os servizos máis innovadores que ofrece Aquaflash destaca o armario de ozono ECO3 by Domus, un sistema pensado para desodorizar e hixienizar de forma natural roupa, complementos e outros materiais sen empregar produtos químicos. Este servizo permite eliminar malos cheiros e hixienizar artigos como cascos, chaquetas, zapatos, peluches, almofadas ou fundas, entre outros.
Ángela Vicente explicou durante a visita que este proxecto nace tras moito tempo madurando a idea de emprender e crear un negocio propio na súa vila. Con ilusión e compromiso, decidiu apostar pola Guarda para desenvolver unha iniciativa que responde ás necesidades da veciñanza e visitantes e amplía a oferta de servizos do municipio.
O alcalde, Roberto Carrero, puxo en valor o espírito emprendedor da mocidade guardesa, destacando a importancia de que cada vez máis persoas novas aposten por desenvolver os seus proxectos empresariais na Guarda contribuíndo así á dinamización económica, á creación de novas oportunidades e ao fortalecemento do comercio e dos servizos locais.
Dende o Concello da Guarda desexámoslle a Ángela Vicente moito éxito nesta nova etapa empresarial e confiamos en que Aquaflash se consolide como un servizo de referencia para a veciñanza e para todas as persoas que visitan o municipio.


