
O Concello da Guarda repartirá mañá as gafas gratuítas para observar con seguridade a eclipse solar do 12 de agosto
O Concello da Guarda repartirá dende mañá mércores, 5 de agosto, as gafas gratuítas homologadas para a observación segura da eclipse solar do vindeiro 12 de agosto.
As persoas interesadas poderán recollelas a partir das 10:00 horas na conserxería do Concello da Guarda, situada na planta baixa da Casa do Concello. A entrega realizarase por orde de chegada, de maneira presencial e sen posibilidade de reserva previa, cun máximo de dúas gafas por persoa, ata esgotar existencias.
Xunto coas gafas, tamén estarán dispoñibles para quen o desexe pequenas guías con recomendacións para unha correcta visualización do fenómeno, elaboradas pola Deputación de Pontevedra.
Esta iniciativa enmárcase na campaña provincial “Baixo o Ceo das Rías Baixas”, a través da cal a Deputación está a distribuír gafas homologadas que cumpren coa norma ISO 12312-2 para a observación solar directa, entre os 42 concellos integrados na rede provincial de puntos de observación, entre eles A Guarda.
O obxectivo é facilitar que a cidadanía poida gozar deste acontecemento astronómico con todas as garantías de seguridade, lembrando que nunca se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada, xa que pode provocar lesións oculares irreversibles.
Ademais, para completar a programación prevista para esa xornada, o 12 de agosto celebrarase un concerto de José Stewart, de 19:00 a 21:00 horas, na Rúa do Porto, diante das oficinas portuarias de Portos de Galicia, ofrecendo unha proposta musical para acompañar unha tarde moi especial.


