
O Concello da Guarda ultima as obras da nova Biblioteca Municipal coa reparación e posta a punto da cuberta
O Concello da Guarda ultima os traballos de posta a punto da antiga Casa do Concello, edificio que albergará a nova biblioteca municipal e sala de estudos, cunha nova actuación centrada na reparación e mantemento da cuberta do inmoble.
O obxectivo destes traballos é garantir a correcta estanquidade da cuberta, previr posibles filtracións e mellorar a conservación do edificio de cara á súa futura posta en funcionamento como novo espazo municipal para a lectura e o estudo.
A actuación conta cun orzamento total de 44.236,55 euros, financiados parcialmente a través dun reinvestimento de baixa da Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, cunha achega de 23.262,08 euros; correspondendo o importe restante, 20.974,47 euros, a fondos propios do Concello da Guarda.
Os traballos inclúen a desmontaxe das tellas para proceder á súa limpeza e posterior reposición, así como a substitución daquelas que presentan danos. Tamén se está a realizar unha revisión dos puntos de encontro e unión da cuberta, nos que se están a reparar e renovar os sistemas de impermeabilización para evitar posibles filtracións de auga.
Ademais, a actuación complétase coa limpeza e revisión dos caleiros e baixantes, así como coa aplicación dun tratamento protector que permitirá reducir a acumulación e absorción de humidade e sucidade.
Esta actuación dá continuidade aos traballos realizados nos últimos meses para a transformación integral da antiga Casa do Concello na nova biblioteca municipal e sala de estudos, permitindo avanzar na fase final de adecuación do inmoble.
O Concello da Guarda avanza así na fase final da recuperación e adecuación da antiga Casa do Concello para convertela nun novo espazo municipal dedicado á cultura, á formación, ao estudo e á lectura, ampliando así os recursos e servizos públicos a disposición da veciñanza guardesa.


