
A Guarda presenta FILATEM 2026, a Exposición Nacional de Filatelia Temática
A Guarda presentou onte FILATEM 2026, a Exposición Nacional de Filatelia Temática, unha importante cita para o mundo do coleccionismo que converterá o municipio nun punto de encontro da filatelia nacional do 8 ao 12 de outubro. No acto de presentación participaron o alcalde da Guarda, o presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa e o concelleiro de Cultura.
Organizada conxuntamente pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa e a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), a exposición conta co apoio do Concello da Guarda, a Deputación de Pontevedra e FEGASOFI, así como coa colaboración de Correos.
Esta edición de FILATEM destaca pola súa participación, con 36 coleccións, 18 de adultos e outras 18 da nova sección xuvenil, que se incorpora por primeira vez á exposición. As coleccións ofrecen unha ampla variedade temática, con propostas dedicadas á historia, a cartografía, o viño, o cine, o deporte, a revolución dixital, a Antártida ou os Camiños de Santiago, entre outras.
Na sección competitiva estarán tamén presentes dous coleccionistas da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa: Luciano Lomba, coa colección «Catedrais», e Almudena Taboada, con «Antártida».
A programación inclúe, ademais, varios momentos especialmente destacados. O xoves 8 de outubro, ás 12:00 horas, terá lugar a inauguración oficial e, ás 13:00 horas, Correos presentará o selo dedicado á Praza do Reló, unha das imaxes máis representativas da vila, a partir dunha obra do pintor guardés Berto Franco. Será a segunda ocasión na que unha imaxe da Guarda aparece nun selo de Correos.
O sábado 10 presentarase tamén o «Tu Sello» e o mataselos conmemorativo dedicado a Celso García de la Riega, mentres que o domingo 11 terá lugar unha mesa redonda sobre como mellorar as coleccións de filatelia temática a través da folla de cualificación. Ese mesmo día entregarase a Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico de FEGASOFI a José A. Gándara Rodríguez, antes da tradicional Cea de Palmarés.
A exposición contará tamén cun catálogo oficial de coleccionista, que reunirá diferentes artigos de especialistas do ámbito filatélico e cultural.
Programa de actividades
Xoves 8 de outubro
- 12:00 h – Inauguración de FILATEM 2026.
- 13:00 h – Presentación do selo de FILATEM.
Venres 9 de outubro
- Visita dos centros educativos da contorna.
Sábado 10 de outubro
- 12:00 h – Presentación do «Tu Sello» e do mataselos conmemorativo.
Domingo 11 de outubro
- 10:00 h – Atención aos coleccionistas por parte do xurado.
- 11:30 h – Mesa redonda «Como mellorar a nosa colección de Filatelia Temática a través da folla de cualificación».
- 18:00 h – Entrega da Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico de FEGASOFI a José A. Gándara Rodríguez.
- 21:00 h – Cea de Palmarés.
Luns 12 de outubro
- 12:00 h – Recollida das coleccións.
Horario de visita
A exposición poderá visitarse do 8 ao 12 de outubro, en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
FILATEM 2026 permitirá así achegar á cidadanía o valor histórico, artístico e cultural da filatelia e, ao mesmo tempo, dar visibilidade ao traballo desenvolvido pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa e á propia Guarda como sede desta importante cita nacional.


