
O Concello da Guarda ofrece un ano máis obradorios de teatro infantil
Tralo éxito do curso pasado, abren de novo as inscricións para nenas e nenos da Guarda en obradoiros teatrais, e volverá a contar coa asociación FOCO para facilitalos.
A través desta colaboración, a rapazada entre 6 e 12 anos terá a posibilidade de aprender, crear, experimentar e divertirse a través do teatro. Os obradoiros serán no Centro Cultural da Guarda, os martes de 16:00 a 17:30 horas, e comezarán no mes de novembro.
A proposta parte da idea de que a infancia ten moito que dicir e moito que facer, e é importante que protagonicen e lideren iniciativas culturais dende ben pequenas e pequenos. Por iso, é a propia cativada quen marca o rumbo do proceso, cos seus intereses, as súas dúbidas e as súas ganas de xogar. Nas sesións as participantes conviven, exploran, inventan e crean en grupo, e descobren que a súa imaxinación ten valor.
Nestes obradoiros, o enfoque estará no protagonismo infantil, a calidade artística das propostas, a aposta pola diversidade e a creación de espazos sociais alternativos, entendendo o teatro como unha ferramenta de cambio, e as nenas e nenos como axentes culturais de pleno dereito, con identidade propia e capacidade de transformar a contorna.
As inscricións poden realizarse entre o 1 e o 19 de outubro mediante este formulario ou por teléfono ou correo electrónico.


