A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás organiza unha homenaxe ás “Mulleres con Coraxe”
Este sábado, 23 de maio, ás 12:00 horas, terá lugar na rotonda situada entre o colexio dos xesuítas e a urbanización Río Miño un acto de homenaxe ás “Mulleres con Coraxe”, organizado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) do Campo de Concentración de Camposancos e Fosa Común de Sestás coa colaboración do Concello da Guarda.
O acto busca honrar e reivindicar a memoria de todas aquelas mulleres que, durante os anos de funcionamento do Campo de Concentración de Camposancos, contribuíron a facer máis levadeira a vida dos prisioneiros. Algunhas delas encargábanse de lavar a roupa, actuar como enlace co exterior ou facilitar materiais cos que os internos podían elaborar pequenos obxectos e ocupar as longas xornadas de reclusión.
A homenaxe tamén pretende lembrar a aquelas mulleres que estiveron presas neste campo de concentración, así como a tantas outras que por ser transgresoras, por saír da normalidade ou por ser esposas de republicanos sufriron represión, malos tratos e repudio social.
Durante o acto descubrirase un totem conmemorativo coa seguinte inscrición: “a todas as Mulleres con Coraxe, ás que penaron neste Campo de Concentración, ás que sufriron a represión franquista, ás que pagaron coa súa vida, ás que lle fixeron a vida máis doada aos prisioneiros e ás súas familias; a todas elas o noso recoñecemento e gratitude”.



