A Aula CeMIT da Guarda programa nova formación en novas tecnoloxías este verán
A Aula CeMIT da Guarda organiza novos cursos de novas tecnoloxías de balde para adultos neste verán; un curso de deseño dixital e outro sobre manter a salvo as imaxes.
O curso de “Deseño dixital con Canva” permitirá aos participantes coñecer esta ferramenta e os principios básicos do deseño para poder realizar carteis, imaxes para redes sociais ou postais, entre outras cousas. O curso “Non perdas as túas fotos!” está dirixido sobre todo a aquelas persoas que se inician na informática e queren ter as súas fotos a salvo ou poder visualizalas en varios dispositivos.
Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar a súa inscrición na Aula Cemit da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal.
Todos os cursos son de balde e con prazas e aforo limitado debido á pandemia.
Sobre a Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica de Galicia, Rede CeMIT da Xunta de Galicia, configúrase como un importante vehículo para a posta en práctica de iniciativas orientadas a impulsar as TIC e a Sociedade da Información na nosa comunidade e tamén das políticas de goberno en áreas como a empregabilidade, competitividade empresarial, e-inclusión, benestar e a e-Administración. O concello da Guarda mantén a aula CEMIT en funcionamento grazas a un técnico contratado a través da liña 3 do plan concellos da Deputación de Pontevedra, de fomento de emprego.
Conformada por unha serie de aulas públicas de acceso libre e de balde, dotadas de avanzado equipamento informático, audiovisual e multimedia, contan con acceso a Internet e abarcan a totalidade das comarcas de Galicia.
Tag:A Guarda, aula cemit, Cursos, Formación, novas tecnoloxías, verán