A Guarda acolle este sábado un espectáculo de baile e música da man de “O Fiadeiro”
• Sábado 7 de agosto ás 20:30h no Auditorio de San Benito, inscricións abertas en centrocultural@aguarda.es
Este sábado día 7 de agosto o Auditorio de San Benito da Guarda será o escenario dun espectáculo de Baile e Música a cargo de “O Fiadeiro” e que terá inicio ás 20:30h da tarde.
As agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos presentan “Danza 3”, un proxecto arredor do folclore que desenvolve tres espectáculos de música e baile tradicional co obxectivo de visibilizar o baile e a música tradicionais de Galicia e achegalos ó público. As 3 asociacións están dedicadas, desde a súa fundación, á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia.
O proxecto reúne as claves que fundamentaron a recuperación do folclore galego e a súa consideración como un conxunto de saberes intrinsecamente valioso (o traballo de campo, a compilación de material videográfico, a edición e publicación de discos e monografías baseados neste material, etc.) cos elementos que cabe atopar detrás do concepto de espectáculo: deseño escenográfico, recurso a equipos técnicos de luz e son, elaboración detallada da posta en escena…
Desde o inicio do proxecto no ano 2008, os sucesivos espectáculos de cada agrupación percorreron Galicia coa colaboración das diversas administracións públicas galegas (Consellería de Cultura, AGADIC, Xacobeo), contribuíndo así á difusión e divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia, e proporcionando ao público unha información fundamental para que poida comprender e valorar na súa xusta medida a importancia do noso patrimonio inmaterial.
Debido ao protocolo covid é preciso realizar unha inscrición previa no correo electrónico centrocultural@aguarda.es indicando o nome completo dos asistentes e un teléfono de contacto.