A Guarda adxudica as obras de mellora da mobilidade da rúa Coruña e camiño escolar do CEIP Sinde
- Estas dúas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra por unha contía global de 561.118 €
O concello da Guarda continúa coa mellora de viais públicos da localidade. Nesta ocasión adxudicou a primeira fase das obras de mellora da mobilidade na rúa Coruña por unha contía de 316.969 € e o camiño escolar seguro para o CEIP Manuel Rodríguez Sinde por unha contía de 244.149 €. Estas dúas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O concurso público foi gañado pola empresa coruñesa NAROM S.A.
As actuacións na rúa Coruña están destinadas á renovación das redes de abastecemento e saneamento, proxectando unha nova rede separativa. Tamén se renovarán as canalizacións de alumeado público e instalaranse novos puntos de luz. Realizarase a optimización da sección do vial para mellorar a accesibilidade e a seguridade dos peóns. A nova rúa terá unhas beirarrúas máis anchas conformando un espazo máis amable para as persoas, tamén se eliminarán as barreiras arquitectónicas dándolle continuidade aos tránsitos peonís. Levará elementos vexetais en todo o seu percorrido, xardineiras na zona onde hai edificacións e árbores na zona onde non hai edificacións.
O camiño escolar seguro pretende favorecer unha inversión de xerarquías no uso do espazo público na que o peón sexa o centro de toda acción quedando os vehículos subordinados a un uso racional e limitado. Para conseguir este fin é necesario facer modificacións físicas nos camiños de transito que conducen a escola. Hai que aumentar as condicións de seguridade e accesibilidade universal. Estas modificacións físicas teñen que ter un complemento con medidas a nivel social para que o camiño escolar cumpra o seu fin.
As actuacións do camiño escolar realizaranse nas rúas Brasilino Álvarez, Enrique María Sexto, Circunvalación, rúa Ourense e rúa Tui. Entre outros realizaranse traballos para dar preferencia a itinerarios peonís, instalación de xardineiras e varandas, instalación de semáforos, pintados horizontais e murais, instalación de bancos, etc.
Dadas as características das obras a do camiño escolar deberá executarse durante o verán para que estea lista ao comezo do curso e a da rúa Coruña, que entraña dificultades de desvío de tráfico para a zona da Cruzada, debería executarse rematado o verán.