A Guarda arrancará o verán co II Trail Camposancos ó solpor
Este verán 2025 arranca na Guarda co II Trail Camposancos ó solpor, o próximo sábado 21 de xuño. O Concello da Guarda colabora na organización desta proba para comezar un verán impulsando o deporte.
Hoxe David Posada, o delegado da Federación Galega de Atletismo (FGA) en Vigo, Iván Sangiao, responsable técnico de trailrunning da FGA, e José Antonio Vázquez, coordinador e presidente da organización, achegáronse ao Concello da Guarda a presentar esta proba oficial que dará a súa saída ao carón do Campo Multiusos Codesal para despois percorrer as impresionantes paisaxes de Camposancos.
Este ano a proba puntuará tanto na distancia curta de 9 km con 450 metros de ascenso, como na distancia longa de 21 km con máis de mil positivos, para o ranking individual da Federación Galega, o que supón poder contar cos mellores atletas da especialidade.
O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, resaltou que “acoller probas deportivas deste calibre, dentro dun circuíto oficial de carreiras é unha mostra do espírito deportivo da Guarda” e engadiu “a Federación creo que non atopará mellor entorno que o que pode ofrecer A Guarda aos corredores durante a proba”.
Posada indicou que “estas probas están tendo moito pulo en Galicia, cun crecemento espectacular nos últimos tempos”. Pola súa banda, Sangiao fixo referencia ao circuíto que revisaron xusto antes e que “será moi atractivo para todos os participantes que alternarán zonas rápidas e técnicas con vistas tanto á desembocadura do Miño cono ás saias do Atlántico”.
Tamén haberá andaina que fará un percorrido de 8km cun desnivel acumulado de 400m. Haberá un máximo de participantes nas probas, ata chegar aos 250 en cada unha das carreiras, e aos 150 na andaina. As inscricións para todas as probas estarán abertas ata o día 16 de xuño.
As carreiras longa e curta terán un prezo de inscrición de 18€ e 10€, respectivamente; mais na última semana de inscrición o prezo subirá aos 20€ e 12€. Pola súa banda, o prezo da andaina manterase sempre igual nos 6€.
Toda a información e as inscricións están dispoñibles en: https://www.carreirasgalegas.com/events/ii-trail-camposancos-solpor-2025/Maj4Xpj4