A Guarda Clásica trae tres concertos de música clásica durante o mes de maio
Estréase A Guarda Clásica, un ciclo de concertos que permitirá á cidadanía desfrutar da música clásica durante os tres últimos sábados do mes de maio. Todos os concertos serán ás 20:00h no salón de actos do Centro Cultural da Guarda.
A primeira actuación será o 16 de maio cun concerto de saxofón e guitarra, a cargo do dúo Rafael Yebra & Oswaldo Oro. A súa proposta combina composicións propias con adaptacións maxistrais das grandes obras de todos os tempos, ofrecendo unha experiencia sonora única que transcende estilos e épocas. A súa linguaxe musical fusiona a elegancia do repertorio clásico coa frescura do jazz, a profundidade da música contemporánea e a calidez dos ritmos latinoamericanos.
Para o sábado 23 a actuación será a cargo de Zukhra Zeingaliyeva e Ilaria Vivan, con frauta e arpa respectivamente. Interpretarán o concerto Haru no umi (“O mar en primavera”). Zukhra Zeingaliyeva interpreta non só música clásica, senón tamén jazz, pop, músicas do mundo e outros xéneros. Ilaria Vivan é arpista principal da Orquestra Sinfónica de Porto-Casa da Música e colabora con varias agrupacións e conxuntos dedicados á música contemporánea. Ademais, imparte clases na Escola Superior de Música e Artes Escénicas de Porto e na Escola Superior de Música de Espinho.
E pecha o ciclo o concerto do Quinteto de metais da Orquestra Vigo 430, que está composto por dous trompetas, trompa, trombón e tuba. Esta combinación permite unha gran diversidade tímbrica, desde rexistros brillantes ata sonoridades graves e profundas. O repertorio do quinteto inclúe obras destacadas da literatura para metais, con compositores como Victor Ewald, Eric Ewazen ou Morley Calvert. Estas obras mostran as posibilidades expresivas desta formación, combinando virtuosismo, riqueza tímbrica e diversidade estilística.



