A Guarda conmemora o Día Internacional da Muller 2021
• A Programación da concellaría de igualdade e do CIM do concello da Guarda para o ano 2021 conta con varias actividades de sensibilización
Nun ano marcado pola pandemia e polas restricións sanitarias desde o Concello da Guarda programáronse actividades adaptadas á situación actual para seguir reivindicando e loitando por unha igualdade real entre mulleres e homes en todas as esferas da vida (no ámbito persoal, familiar, laboral, de lecer…).
Actividades programadas para este ano 2021:
Campaña de sensibilización – O Concello de A Guarda énchese de frases e palabras a prol da Igualdade á muller durante o mes de marzo.
A través do poder dos deseños, composto dun perfil de caras de mulleres de diferentes idades e razas, e mostrando palabras ou frases a prol da Igualdade, pretendemos conmemorar dende A Guarda o Día Internacional da Muller.
Queremos indicar que o material empregado para pendurar os carteis de formato redondo nas árbores foi corda de cáñamo coa intención última de non ferir ás árbores.
A Campaña de Sensibilización vese complementada cunha valla publicitaria na Alameda con motivo do 8M, a colocación dunha pancarta no balcón do Concello, a Iluminación en cor morada do Concello e do CIM, así como unha entrevista á directora do CIM na radio do IES A Sangriña feita polo propio alumnado do Centro.
E este ano queremos centrar as nosas actividades na poboación máis nova, as crianzas e a xuventude, porque consideramos primordial que a concienciación e o fomento de Igualdade entre mulleres e homes estea centrada neste sector da poboación.
Actividades nos centros de ensino
O Contacontos “O pozo das Señoras” con Rilo e Penadique (contadora de contos e música) levarase a cabo en formato online (debido a situación sanitaria actual) dirixido a crianzas con idades comprendidas entre os 6 e 10 anos.
Ofreceráselle a todos os centros de ensino da Guarda unha ligazón que estará dispoñible durante toda a mañá do martes día 9 para facilitar o seu acceso e adaptarse á programación educativa de cada centro.
A actividade que chamamos “Mulleres galegas, donas do seu” vai ir dirixida ao alumnado de 1 º de Bacharelato do IES A Sangriña, é un dos exercicios prácticos de Interpretación do Patrimonio material e inmaterial galego, que 14 alumnos/as de 2º curso do Ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística do CIFP de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza en Pontevedra, deseñaron no módulo de Procesos de Guía que imparte a profesora Tina Otero.
Consiste en investigar e recuperar aspectos moi interesantes da dura vida de moitas mulleres galegas e non galegas tiveron ao longo da historia e convertelo nun discurso dinámico, interesante e actual para que a nosa audiencia, xoves adolescentes coñezan as estas protagonistas, mulleres que viviron en tempos duros, difíciles.. pero que non se acobardaron… loitaron, traballaron e se esforzaron para mellorar a súa situación, a das súas familias e sen sabelo a de toda a sociedade, porque elas axudaron a que agora no século XXI as mulleres teñamos máis dereitos, liberdades e unha mellor vida, de feito van recoñecer nestas historias ás súas nais e avoas.
O obxectivo principal deste traballo é aplicar os coñecementos, destrezas e habilidades acadadas durante o ciclo e preparar emotivos discursos complementados con dinámicas presentacións que sacan do esquecemento histórico a estas mulleres, darlles voz e poñelas como exemplo para invitar a toda a sociedade a seguir loitando por esa igualdade e liberdade que desgraciadamente aínda a día de hoxe as mulleres e as xoves ás que está dirixido este discurso as veces non temos…. buscamos provocar na nosa audiencia unha reflexión e reacción final positiva con cada unha das mulleres e oficios que presentamos, por iso a grande importancia de proxectos como o que nos presenta a profesora Tina Otero que nos ofrecen a oportunidade de crear sinerxias entre diferentes centros educativos e o CIM da Guarda.
Convídase a todas as persoal que queiran vestir algunha prenda ou pór algún complemento de cor morada, como cor que simboliza o Día Internacional das Mulleres.