A GUARDA DOCE PREPARA UN ESPAZO ONDE SE PROBARÁN AS DOTES CULINARIAS DE NENOS E ADULTOS
Este fin de semana celébrase na Alameda da Guarda a segunda edición de “A Guarda Doce”. Este evento, que ten como obxectivo promover e comercializar doces e sobremesas de diferentes establecementos da comarca de Baixo Miño e do distrito de Viana en Portugal, nun espazo fora do común, ofrecerá unha programación moi variada.
Ademais dos diferentes postos de doces, as moitas actuacións musicais e os distintos obradoiros, tamén están organizados dous concursos gastronómicos.
O primeiro deles, que terá lugar o domingo de 17 a 18 horas, está dirixido ós nenos e nenas. Esta actividade consistirá na decoración dunha galleta con diferentes materiais que lles entregarán as monitoras. A finalidade é que os rapaces desenvolvan a súa creatividade e xoguen coa imaxinación.
Neste concurso haberá dúas categorías, a azul para nenos ata os oito anos e a branca, para os rapaces que teñan unha idade comprendida entre os oito e os doce anos.
Non hai inscrición previa polo que os nenos e nenas poden incorporarse á actividade segundo vaian chegando.
Cando finalicen a decoración das galletas o xurado decidirá os gañadores e entregará premios o 1º, 2º e 3º clasificado de cada unha das categorías.
Por outra banda os adultos poderán mostrar as súas dotes culinarias no concurso de rosquillas para afeccionados.
Entre as 18 e as 18,30 horas do domingo, todas as persoas interesadas en participar nesta actividade deberán deixar un total de seis rosquillas acompañadas dun sobre pechado cos datos persoais, no posto situado na Alameda para a súa exposición. A partir das 19 horas o xurado, formado por profesionais dos establecementos da Guarda e por persoal do Concello, procederá a degustación e valoración dos produtos presentados.
Entre todas as rosquillas, o xurado escollerá, tanto pola súa presencia coma polo seu sabor, as tres mellores, e os seus reposteiros recibirán de agasallo un lote de produtos.
Coma na edición anterior, a organización espera que sexan moitos, tanto os rapaces como os adultos, que se animen a participar nos concursos.