A GUARDA PECHA A SÚA PROGRAMACIÓN DE VERÁN COA PROXECCIÓN DO FILME “A ESMORGA” E A MÚSICA DE “A RODA” NO CASTELO DE SANTA CRUZ
O coñecido actor Antonio Durán “Morris” e o director da película presentarán o evento.
O filme está recomendado para maiores de 16 anos.
A proxección do filme galego “A Esmorga”, seguido dun concerto do grupo galego “A Roda”, que ameniza unha das escenas da película, será o gran evento que peche este ano a programación de verán do Concello da Guarda, este sábado a partir das 20,30 horas. Esta iniciativa, que leva por nome “Noites no Castelo”, terá lugar no marco incomparable do Castelo de Santa Cruz.
A organización recorda que a película “A Esmorga” está recomendado para un público maior de 16 anos.
A Esmorga foi, sen dúbida, a película do ano en Galicia e no resto do Estado. Estreada a finais de 2014, contou cunhas cifras inigualables en taquilla para un filme de produción galega. A cinta foi galardoada con seis premios Mestre Mateo e nominada para os Goya 2015 na categoría de “Mellor guión adaptado”, converténdose na primeira longametraxe galega que conseguía unha nominación a este prestixioso galardón. Foi igualmente avalada pola crítica dos diferentes medios especializados.
Baseada na novela que Eduardo Blanco Amor tivera que publicar en Bos Aires en 1959, para vadear a censura franquista, “A Esmorga” relata as traxicómicas peripecias do Cibrán, o Bocas e o Milhomes nunha noite de bebedela polos arredores de Auria (a cidade coa que o autor rememora a súa Ourense natal). A historia está representada na ficción por un reparto de luxo formado por: Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris”. Dirixida por Ignacio Vilar, este filme nos desvela nas súas secuencias unha coidada produción e unha marabillosa fotografía que traslada ó espectador á cidade de Ourense e a outros espazos da mesma provincia e do sur de Lugo, como son o Pazo de Tor en Monforte, Pantón ou O Saviñao.
Unha das secuencias do filme está protagonizada polo tradicional grupo galego “A Roda”, no seu particular facer: cantando un tema de taberna. É por esta razón que a proxección da película será seguida dun concerto desta mítica formación.
No directo o grupo presentará o seu novo traballo “Outra volta de Roda”, formado por trece temas que representan un percorrido pola historia da formación.
Ademais, neste traballo, o conxunto quixo render un tributo ó que fora o espírito de “A Roda”, Adolfo Domínguez Otero, “Fito”, recentemente falecido, e ó resto de persoas que pasaron pola formación viguesa dende as súas orixes.
O fillo do que fora aquel “eixe” fundamental, Alfredo Dourado, é agora integrante da formación e estivo na Guarda a finais de agosto para presentar o concerto e para falar deste novo traballo, deixando constancia de que “A Roda” non debe “deixar de xirar”.
Mais non serán estes os únicos ingredientes, xa que, para completar a velada, o filme será presentado polo actor protagonista do mesmo, Antonio Durán, e o director, Ignacio Vilar.
A fortaleza guardesa foi recentemente rehabilitada e aberta ó público para o seu desfrute tras máis de cen anos pechada á cidadanía. Coa celebración desde evento, o Concello quere fraguar o espírito de ben público, pensado para o goce e o lecer, co que se emprendeu aquela gran obra de rehabilitación patrimonial.
En caso de choiva a organización trasladará a proxección da película, no mesmo horario 20,30 horas, ó Centro Cultural. Pola súa banda, o concerto de “A Roda” quedaría aprazado para outra data aínda sen confirmar.