
A Guarda prepárase para a Carreira Pedestre da Virxe da Guía
As Festas da Virxe da Guía organizan un ano máis, en colaboración co Concello da Guarda, a Carreira Pedestre, que terá lugar este domingo, 30 de agosto, ás 18:00 horas, na contorna da Praza da Guía.
A proba está aberta tanto a corredores e corredoras de todas as idades como a persoas que queiran gozar dunha tarde de deporte e convivencia. A competición contará con categorías masculinas e femininas, desde os máis pequenos, de 0 a 3 anos, ata a categoría de maiores de 51 anos.
As inscricións continúan abertas durante todo o mes de agosto e poden realizarse a través do correo electrónico asociacionfestasdaguia@gmail.com. Ademais, será posible inscribirse o propio domingo na Praza da Guía ata as 17:30 horas.
A organización repartirá trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, ademais de recoñecer á gañadora absoluta feminina e ao gañador absoluto masculino. Todos os participantes recibirán unha medalla, incluídos os das categorías infantís ata a de 7 a 9 anos.


