
A Guarda presenta a programación das Festas do Monte 2026
A Guarda xa está preparada para vivir unha das citas máis agardadas do ano. Do 1 ao 10 de agosto, a vila celebrará unha nova edición das Festas do Monte, declaradas Festa de Interese Turístico de Galicia, cunha programación que combina tradición, cultura, deporte e música para todas as idades.
Durante unha semana, as rúas da Guarda encheranse de ambiente festivo cun amplo calendario de actividades pensado para que veciñanza guardesa e as persoas visitantes poidan gozar dunha das celebracións máis emblemáticas de Galicia. Como é tradición, todas as mañás haberá pasarrúas dos cabezudos acompañados polo grupo de gaitas do Clube da 3ª Idade, levando a música e a festa por todo o termo municipal.
Xa o sábado 1 de agosto haberá o Campionato de Petanca no Castelo de Santa Cruz, organizado en colaboración co Club Petanca O Caldeiro. O luns 3 celebrarase unha das novidades desta edición, a I Milla Urbana das Festas do Monte, organizada pola Sociedade Atlética do Trega. Pola noite terá lugar o pregón oficial, que correrá a cargo de Estela Doiro, seguido do concerto de Terapia de Grupo e DJ Kin. A xornada rematará coa verbena da orquestra Los Magos e unha sesión de DJ con Diego Wass, Darío, Josete e Axel.
O deporte volverá ser protagonista o martes 4 co Partido de Fútbol no estadio da Sangriña entre o Sporting Guardés e o Celta de Vigo Xuvenil División de Honra, ademais contaremos cun pasarrúas do grupo Arrotuada. Xa pola tarde noite celebrarase o tradicional Concerto de Corais na Praza do Reló, coa participación do Orfeo de Moaña, o Coro Cantemos de Salvaterra de Miño e o Coro da Terceira Idade da Guarda. A verbena correrá a cargo da orquestra Cayenna, seguida dunha nova sesión dos djs: Guille, Cristian Pereyra, Igar e Diego Mariño.
O mércores 5 será unha das xornadas máis tradicionais coa celebración do Desfile de Traxe Rexional, organizado pola Asociación Traxe Galego da Guarda, que partirá da Alameda e rematará na Praza de San Benito co I Concurso de traxes galegos. Pola noite, as orquestras La Fórmula e Saudade amenizarán a verbena.
O xoves 6 combinará deporte e música co Campionato de Xadrez na Praza do Reló, organizado polo Club de Xadrez Albatros; unha exhibición de baloncesto no Auditorio de San Benito a cargo do C.B. Baixo Miño Basket, e a verbena protagonizada por Solara e Ritmo Joven.
A programación continuará o venres 7 co Festival de Danza da Escola Attitude no Auditorio de San Benito. Ademais, o Centro Cultural acollerá a obra de teatro “Os vellos non deben namorarse” de Castelao, antes da verbena coas orquestras Galilea e La Nave.
O sábado 8 celebrarase un dos actos máis emblemáticos das festas, o Desfile Folclórico e das Bandas Mariñeiras, no que participarán un total de 21 bandas, enchendo as rúas da Guarda de música e tradición. Pola tarde haberá unha Festa Infantil con cañón de escuma e xogos populares no Auditorio de San Benito, mentres que a noite estará amenizada polo grupo Ámbar.
O momento máis esperado chegará o domingo 9 de agosto, coa tradicional subida ao Monte Santa Trega e a posterior romaría, acto central das Festas do Monte e unha das celebracións máis multitudinarias e representativas da identidade guardesa. A xornada rematará coa tradicional desfeita.
As festas despediranse o luns 10 de agosto cunha intensa programación musical que incluirá unha actuación de baile galego a cargo de Vento Mareiro, a actuación da gaiteira Nadia Vázquez e unha gran sesión de Djs na explanada do porto. Á medianoite terá lugar a tradicional tirada de fogos artificiais, que poñerá o broche final a dez días de celebración.


