A Guarda solicita á Xunta unha partida orzamentaria para a nova Escola Infantil Municipal
O Concello da Guarda ven de enviar o Proxecto de Execución da futura Escola Infantil Municipal ao Conselleiro de Política Social e ao Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, paso previo para incorporalo nos orzamentos e para a súa posterior posta en marcha, dunha infraestrutura educativa moi necesaria no noso municipio.
A incorporación aos orzamentos deste proxecto é un paso moi importante para dar unha solución á demanda existente no noso municipio de prazas para educación infantil, contando, neste ano 2018, con 36 nenos e nenas que se quedaron sen praza para este curso.
É obvio a necesidade de incrementar estas prazas e a necesidade dunha nova Escola Infantil Municipal, ante o desvío de escolares a escolas doutras localidades veciñas. O Alcalde da Guarda, Antonio Lomba clarexou que «non podemos permitir que os pais e nais teñan que levar aos seus fillos e fillas a escolas doutros municipios limítrofes, é preciso realizar esta inversión na Guarda e atender ás súas demandas, ofertando un servizo de calidade no seu propio pobo, evitando desprazamentos e molestias innecesarias».
Despois de manter xa varias xuntanzas co Conselleiro de Política Social e co Xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, existe unha boa vontade de incorporar aos orzamentos da Xunta de Galicia este necesario e importante proxecto.
Tag:A Guarda, educación, Escola infantil