A Rusga da Póvoa de Varzim (Portugal) desfilará na Guarda este sábado
O Concello da Guarda acolle este sábado un desfile moi especial, o da “Rusga da Póvoa”. Trátase dun desfile dun grupo tradicional do municipio portugués Póvoa de Varzim que se achega á Guarda para representar as Festas de San Pedro da súa localidade.
Un grupo de 45 persoas, entre bailaríns e músicos, desfilarán polo Porto da Guarda e actuarán no Auditorio de San Benito, onde os asistentes tamén poderán probar os doces típicos da Póvoa de Varzim, a rabanada poveira.
Todo isto comezará as 16:30h da tarde deste sábado 14 de xuño. Deste xeito, os guardeses poderán coñecer de preto a identidade poveira, tradición e espírito das festas dos veciños portugueses de Póvoa de Varzim. Desde logo, o desfile e actuación chamará a atención de residentes e turistas polo colorido e espectacularidade dos seus traxes e marchas.
Deste xeito, coñeceremos máis de preto as tradicións dos nosos veciños portugueses, así como a súa gastronomía e os seus bailes. O alcalde da Guarda, Roberto Carrero, resalta que “é un xeito marabilloso de descubrir as festas desta cidade de Póvoa de Varzim, con quen cada vez temos máis lazos”.